Comeza a vendima en Galicia: boas previsións de colleita pero falta man de obra

Agardase coller 70 millóns de quilos de uba pero preocupan os danos causados polas treboadas na DO O Ribeiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2021 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A vendima arrinca en Galicia cun prognóstico que rolda a recollida duns 70 millóns de quilos de uva. Os datos están á espera das avaliacións pertinentes tras as análises dos danos causados pola treboada na Denominación de Orixe do Ribeiro.

Se se cumpren as expectativas, os millóns de quilos colleitados superarán con fartura á campaña anterior, cando os datos roldaron os 60 millóns. A subida máis exponencial produciríase na DO Rías Baixas, a máis grande de Galicia. O catro DO restantes esperan poucas variacións con respecto ao 2020, segundo os datos solicitados por Europa Press entre as entidades vitivinícolas.

A Denominación de Orixe con máis adegas e con máis superficie cultivada prognostica seguir aumentando a súa produción. Na DO Rías Baixas calculan poder chegar aos 43 millóns de quilos de uva recollida, o que supón un importante aumento con respecto ao ano anterior, no que a produción estivo preto dos 35.

"Mantemos a estimación que tiñamos en xullo", apuntou a Europa Press Agustín Lago, director técnico da DO Rías Baixas. "Facemos unha estimación todos os anos previa á posible variación que provoque o mes de agosto e os días de setembro antes da vendima", explicou.

A boa previsión vén xustificada pola "alta floración" e uns acios "máis grandes que outros anos". "Conseguimos solucionar ben os ataques do fungo coñecido como mildeu", apunta o director técnico dunha DO que alcanza os 180 adegueiros. A segunda semana de setembro iniciarán a vendima a maior parte das adegas.

O RIBEIRO, PENDENTE DOS DANOS POLAS TREBOADAS

As treboadas do último día de agosto manteñen preocupada á Denominación de Orixe O Ribeiro. Calcúlase que a sarabia caeu nunha superficie aproximada de 190 hectáreas de viñas; das que "unhas 60", sofren unha maior afectación, segundo sinalou o conselleiro de Medio Rural, José González, á espera de coñecer os efectos definitivos.

A previsión estimada roldaba a mesma cifra recollida o ano anterior, ao redor do nove millóns de quilos de uva. "As expectativas eran moi boas desde o punto de vista cuantitativo a principios de xuño", comentou o presidente en funcións do Consello Regulador, Juan Manuel Casares.

"A meteoroloxía non favoreceu en xuño, nin en xullo nin nalgúns días de agosto. Foi un caldo de cultivo para a proliferación do mildeu", analizou. A Denominación de Orixe O Ribeiro está composta por 98 adegas, aínda que o Consello Regulador puxo de manifesto que "se necesita máis terra para que a DO recupere a súa base territorial". O paulatino abandono do rural nesta zona provoca un "efecto perverso" na parte produtiva.

VALDEORRAS E RIBEIRA SACRA, AS PRIMEIRAS EN COMEZAR

As primeiras adegas en abrir tempada pertencen ás Denominacións de Orixe de Valdeorras e da Ribeira Sacra. En ambos os lugares a vendima xa arrincou o último fin de semana de agosto. "Trátase de casos especiais, terreos nos que a uva madura antes", apuntan os Consellos Reguladores, consultados por Europa Press.

Paulatinamente, iranse incorporando máis adegas aos traballos de recollida ata chegar ás 41 que conforman a DO Valdeorras. As previsións en canto a cantidade e calidade "son boas". Santi Pérez, técnico da DO Valdeorras, explicou que a produción pode chegar "aos seis millóns"; algo máis que a colleita anterior debido a "algunha hectárea a maiores e a que varias cepas pasan a ser de cuarto e de quinto ano".

A primeira das 96 adegas que conforman a Denominación de Orixe Ribeira Sacra tamén comezou a vendimiar. No entanto, a maior actividade producirase "a mediados de setembro", segundo indicou o presidente en funcións do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.

Na Denominación de Orixe interprovincial entre Lugo e Ourense as expectativas de produción fóronse rebaixando a medida que ha ido avanzando o ano. "Moverémonos nos 6 millóns de quilos", apuntou José Manuel Rodríguez, quen destacou que "a tempada comezou para ser un ano de marca de colleita, pero veu unha primavera moi complicada con moitas choivas, cambios de temperatura e chegaron os fungos".

MONTERREI, ALTAS EXPECTATIVAS

A Denominación de Orixe máis pequena en canto ao número de adegas mantén un bo presaxio para a tempada de vendima que comezará a "mediados de mes". "As temperaturas suaves do verán atrasaron o adianto que procedía da primavera onde a vide brotou moi ben", sinalou Miguel López, o director técnico DO Monterrei.

"Estamos nun momento prematuro, pero situamos as previsións nunha colleita de 5,5 millóns de quilos. Preséntase como moi boa ou excelente", subliñou Miguel López que destacou "as boas condicións climáticas" do seu territorio.

Algunha das 27 adegas da DO Monterrei pode iniciar a vendima antes do resto pola súa "localización e variedade". Ademais, o director técnico puntualizou que a última quincena de agosto foi de "moita calor" polo que se "acelera a maduración".

FALTA DE MAN DE OBRA

A maioría dos Consellos Reguladores veñen detectando un problema común nos últimos anos. A falta de man de obra para levar a cabo os traballos da vendima é unha constante. Proliferaron as empresas de servizos que realizan este traballo ou a chegada de temporeiros desde distintas partes.

Moitas das adegas galegas son pequenas empresas familiares que non necesitan tantos traballadores, pero existe un problema naquelas máis profesionais. "As vendimas eran como unha festa froito do esforzo de todo o ano e realizábanse de maneira tradicional coa xente de casa. As adegas que se profesionalizaron concentran a recollida no mesmo tempo e é complicado atopar persoal para todas", apuntan fontes da DO Valdeorras.

VENDIMAS OURENSE. ADEGA VALDESIL (DO VALDEORRAS). Vendima dunha viña da variedade godello, na adega Valdesil, a primeira que se vendima en Galicia na campaña de 2021. FOTO ROSA VEIGA. ROSA VEIGA/EUROPA PRESS / Europa Press
VENDIMAS OURENSE. ADEGA VALDESIL (DO VALDEORRAS). Vendima dunha viña da variedade godello, na adega Valdesil, a primeira que se vendima en Galicia na campaña de 2021. FOTO ROSA VEIGA. ROSA VEIGA/EUROPA PRESS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta