Un vertido obriga a cortar a auga en parte de Santiago e sacar camións cisterna á rúa

O Concello vén de limitar o abastecemento da auga ante o estado do vertido, "máis grave e duradeiro" do que se agardaba. Os refugallos proveñen dunha explotación agrogandeira situada no municipio veciño de Trazo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2021 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

Varios barrios de Santiago de Compostela sofren este sábado cortes de subministración da auga despois de que, de madrugada, se detectara unha vertedura na captación do río Tambre, nas inmediacións da estación de tratamento de auga potable (ETAP). Os refugallos proveñen dunha explotación agrogandeira situada no municipio veciño de Trazo. 

Isto implica que, inicialmente, as zonas de Vista Alegre, Peregrina e áreas altas como Castiñeiriño deixarán de ter servizo. Ademais, nas próximas horas tamén se verán afectados Meixonfrío, Grixoa, Garabal, Enfesta, San Caetano e os polígonos de Boisaca, Tambre e Sionlla.

E é que, segundo explica o Concello, a afectación desta vertedura no río está a ser "máis grave e duradeira" do que indicaban as primeiras informacións. Por iso, houbo que establecer un protocolo para cortar o abastecemento no municipio. Mentres dure esta situación, a administración local difundirá medidas para garantir un consumo responsable de auga, polo que suspenderá "todos aqueles usos non imprescindibles".

Por mor destes cortes, o Consistorio informa de que, desde as 20,00 horas de leste mesmo sábado, haberá camións cisterna a disposición da cidadanía na rúa Carlos Maside e fronte ao supermercado Gadis de Meixonfrío que se trasladarán "en función das necesidades".

VERTEDURA DETECTADA DE MADRUGADA

De acordo co relato do Concello, foron os técnicos da empresa concesionaria (Viaqua) os que detectaron a vertedura, puxérono en coñecemento das administracións e procederon a tomar as medidas oportunas na ETAP do Tambre para "evitar calquera risco que puidese comprometer a calidade da auga" servida a Santiago.

A administración local recalca que o laboratorio de calidade está a traballar "de forma continua desde primeira hora do sábado" para analizar a auga de entrada á estación de tratamento para poder tomar decisións "coa maior axilidade e garantindo sempre a seguridade da cidadanía".

Xa desde primeira hora pecháronse todos os consumos municipais non esenciais, como o regado e o baldeo, para tratar de dispor o maior volume de auga posible para abastecer á poboación. Pero finalmente, debido a que a afectación está a ser "máis grave e duradeira" do que indicaban as primeiras notificacións, houbo que establecer un protocolo de corte de subministración.

O aumento de caudal do río Tambre alaga unha estrada ao seu paso polo Concello de Ames, na provincia da Coruña. Imaxe de arquivo
O aumento de caudal do río Tambre alaga unha estrada ao seu paso polo Concello de Ames, na provincia da Coruña. Imaxe de arquivo | Fonte: Europa Press.

XUNTA

Por parte da Xunta, fontes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade explican a Europa Press que Augas de Galicia se atopa "colaborando co Concello" nun asunto que, tal e como recalcan, é de competencia municipal. Neste sentido, a Administración autonómica atópase realizando as correspondentes análises e investigando a orixe da vertedura co obxectivo de que o servizo poida quedar restablecido "canto antes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta