Carlos Oroza

O pasado venres tiven a honra, inmerecida, de ser unha das persoas convidadas a falar na homenaxe a Carlos Oroza e que se celebrou en Mondariz-Balneario e na que compartín mesa con, entre outros, Manuel Bragado. Un salón cheo de xente posta en pé, recoñeceu o talento deste poeta absoluto, noventa anos gloriosos, que nos enchoupa de versos lúcidos e lucidos a diario.

Por Francisco Castro | Vigo | 29/01/2014

Comparte esta noticia
Eu só dixen o que sentía:
 
Que Carlos Oroza é o máis grande poeta vivo en lingua española da actualidade. E que, aínda que soe esaxerado, temos sorte de andar polo planeta ao tempo ca el.
 
Que Carlos Oroza é un poeta galego, que escribe en castelán pero que ama a nosa lingua e que amosa máis respecto e amor por ela que moitos que, de cando en vez, a usan.
 
Que para min é un sabio, cando menos se nos quedamos co que di o tópico, ou sexa, que é un deses seres que son quen de darche a verba exacta cando a precisas, para cambiar un chisco o teu mundo.
 
Quen se detivo, aló por 1996, un día, cando eu ía pola rúa tirando do carriño do bebé onde ía o meu fillo primeiro, e el me dixo algo así como "coida ben do teu fillo e esfórzate para que non se convirta nun idiota. Porque o mundo está cheo de idiotas". E logo, quen se detivo, aló polo 2009, un día, cando eu ía pola rúa tirando do carriño da bebé onde ía a miña filla pequena, e el me dixo algo así como "coida ben da túa filla e esfórzate para que non se convirta nunha idiota. Porque o mundo está cheo de idiotas".Pasaran trece anos. E o consello foi igual de xeneroso.
 
Quen en conversas de dous minutos, polo noso común Vigo querido adiante, me fixo sentir que a cidade é parte de nós, que o territorio é parte de nós, e que a xeografía emocional constrúese tamén cos edificios que nos rodean, aínda que sexan, ás veces, exemplos dun urbanismo cainita e feroz.
 
Quen é quen de ver a beleza en todo. Por iso eu de grande quero ser coma el, quero vivir na linguaxe, quero entender como está feito o mundo, comprendendo as súas semánticas e sobre todo, como fai Oroza, investigando novas semánticas.
 
Quen me aprendeu algunhas cousas importantes:
Que todos os días debo loitar contra da mediocridade intelectual.
Que no norte hai un mar que é máis alto que o ceo.
Que hai versos que poden deixarte sen alento.
Que ás palabras se lles pode retorcer a alma ata que sexan corpo.
Que o humor é a única maneira de non afogar. Que o riso non quita trascendencia a nada.
Carlos Oroza, en definitiva, é a demostración de que este animal humano, que é quen de inventar bombas de racimo para esnaquizar nenos e nenas pobres, tamén é quen de producir beleza, unha beleza ás veces dolorosa pero beleza da que conecta coa vida.
 
Eu todo iso seino por Carlos Oroza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro