Por Galicia Confidencial | Santiago | 29/01/2014 | Actualizada ás 16:00
A Consellería de Traballo está a piques de resolver a tramitación o concurso "da xestión do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para Persoas con Discapacidade e/ou Dependentes" o 23 de xaneiro. O servizo licítase por 6,8 millóns máis IVE por dous anos, cando antes o Goberno pagaba 14 millóns no mesmo período.
O recorte orzamentario impactará na calidade do servizo. Segundo datos de Comisións Obreiras, pasarase "de contar con ao redor de 120 vehículos a só 44 —case un 37 % menos". Cómpre lembrar que moitos dos usuarios xa están afectados pola norma estatal, que obriga ao copago dos desprazamentos de doentes que teñen que acudir regularmente aos centros hospitalarios, por exemplo para facer a diálise.
Ademais, o novo concurso prevé sesenta empregos menos, segundo datos da central.
En Galicia este servizo será dividido en once zonas. Dúas delas, a día de hoxe, están sen adxudicar malia que os contratos actuais están a piques de extinguirse. Por exemplo, na área de Ferrol o contrato remata o 31 de marzo.
As gañadoras provisionais dos seis lotes xa adxudicados son a UTE Autos Morán-Transporte Sanitario Galego, a UTE Grabanxa-Rico -2 lotes-, a UTE Murlla Bus, Autocares Darriba e Transporte Sanitario Galego, a UTE Aspanas Termal, Empresa Gavilanes e Autos Losada, segundo a proposta da Mesa de Contratación reunida este 28 de xaneiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.