A Xunta podería ir a xuízo por "ocultar" as subvencións achegadas ao 'lobby' mineiro

A plataforma Mina Touro-O Pino non cifra en máis de 200.000€ as axudas da Xunta á minería. A estas poderían sumarse outras que, sosteñen, o goberno galego estaría a "ocultar". Outra asociación avanza que denunciará os feitos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Novo golpe do asociacionismo contra as minas á Xunta de Galicia. A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non vén de cargar contra a administración autonómica, á que acusa de dar cartos públicos para a “propaganda e lavado verde” do “lobby mineiro”. En concreto, cifran en máis de 200.000€ os ingresos achegados dende o goberno galego a varias asociacións do sector; cifra á que logo podería sumarse unha “pasarela” para reivindicar “os proxectos mineiros máis destrutivos e contaminantes” na Cidade da Cultura. 

Alberto Núñez Feijóo e Franciso Conde con Bernardo Tahoces, actualmente investigado por prevaricación. DAVID CABEZÓN
Alberto Núñez Feijóo e Franciso Conde con Bernardo Tahoces, actualmente investigado por prevaricación. DAVID CABEZÓN

O ingreso monetario tería sido coñecido en 2019, momento no que, de acordo coa plataforma, se soubo que a administración popular outorgara á Cámara Oficial Mineira 130.000 euros para un “plan de comunicación dixital”, a “creación de unidades didácticas sobre minaría para nenos” a divulgación do “patrimonio mineiro”, ás que se sumaron outros 76.000 euros na convocatoria seguinte. 

A contía, con todo, podería ser maior, xa que, segundo destacan, a Xunta estaría a impedir o acceso aos expedientes doutras subvencións achegadas á Asociación Galega de Áridos. Pouco importaría que o TSXG veña de emitir, sempre de acordo coas mesmas fontes, sentencias indicando a apertura dos documentos: a asociación acusa á Xunta de desobedecelas e anuncia que a Fundación Montescola “levará os feitos á Fiscalía ante os indicios de criminalidade”.

Pero aínda habería máis, xa que a Xunta estaría a colaborar nunhas xornadas sobre minerais estratéxicos que organiza a propia Cámara Mineira no Gaiás e na que compartirán espazo Francisco Conde, vicepresidente segundo de la Xunta de Galicia, e María Coutinho, subdirectora xeral de Recursos Minerais, con representantes de empresas como Cobre San Rafael, promotora do proxecto de mina de cobre de Touro que foi “chumbado” ao recibir o ano pasado unha declaración de impacto ambiental negativa.

“Durante tres días, desfilarán polo evento que terá lugar nas instalacións públicas da Cidade da Cultura, representantes dos proxectos mineiros máis destructivos e contaminantes, e que se veñen denunciando ante as distintas administracións e instancias xudiciais: a mina de Varilongo en Santa Comba, cun proceso penal en curso no que está imputado o ex-director xeral de minas Ángel Bernardo Tahoces; a mina de San Finx, con varios procesos penais, nos que están imputados varios funcionarios e de novo o propio Tahoces; a mina de Touro con  denuncias e sancións por vertidos e drenaxe ácido de mina continuado; ou a mina da Penouta, en Viana do Bolo, con vertidos constantes con metais pesados na Rede Natura 2000”, aseguran dende a plataforma. “Un evento pagado con fondos públicos para enaltecemento e publicidade dos proxectos mineiros no camiño de lograr a tan ansiada licenza social que non teñen”, rematan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta