Ollo: as estafas seguen medrando en Galicia e son xa o principal delito rexistrado

Sete de cada dez novos delitos cometidos en Galicia son estafas, segundo a Delegación do Goberno.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2021 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

Sete de cada dez novos delitos cometidos en Galicia son estafas, segundo o balance de criminalidade do primeiro semestre deste ano, segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia. O seu máximo responsable, José Miñones, alerta do incremento nun 64,1% destes delitos e pide "extremar o coidado".

En concreto, faino en referencia á realización de transaccións económicas e comerciais. Tamén apela a denunciar calquera intento de estafa que sospeiten aos grupos especializados de Policía Nacional e de Garda Civil.

E é que, en seis meses, coñecéronse 12.155 estafas, un 64,1% máis que na mesmas datas de 2020. "Falamos de delincuentes profesionais, que habitualmente actúan desde o estranxeiro e que se adaptan á evolución dos sistemas de control para eludir a súa identificación", sinala o delegado do Goberno.

A estafa preténdese realizar mediante a solicitude dun pago de diñeiro ou a obtención de datos persoais e/ou bancarios alegando calquera escusa, como cobrar un premio de lotaría, unha herdanza, prestarlle un servizo en nome das administracións ou solucionar un problema informático, entre outras.

TAXA DE CRIMINALIDADE

Este aumento da tipoloxía de estafas xustifica, segundo a Delegación do Goberno, o ascenso xeral da taxa de criminalidade de Galicia, que en xuño foi de 29,7 delitos por cada 1.000 habitantes.

"A pesar diso, este índice sitúase nos mesmos niveis que os anos prepandemia, xa que en 2020 as restricións e estado de alarma impulsaron un descenso global da delincuencia", remarca Miñones. Ademais, Galicia aumenta a diferenza con respecto á media nacional, que agora é de 39,2 delitos por cada mil habitantes.

De acordo coa estatística oficial, a taxa de criminalidade en Galicia acumulada nos últimos doce meses por provincias é de 31,6 delitos por cada mil habitantes na Coruña; 30,9 en Pontevedra; 26,3 en Ourense e en Lugo é de 23,1 delitos por cada 1.000 habitantes.

Respecto da totalidade de infraccións penais rexistradas entre xaneiro e xuño deste ano, a estatística do Ministerio do Interior contabiliza en Galicia 38.817 casos, 6.927 máis que no mesmo semestre do ano anterior. En canto á tipoloxía dos delitos, seguen descendendo os roubos en establecementos comerciais, tanto os rexistrados con forza como con violencia.

Policía nacional e delitos por estafas en Internet. CNP
Policía nacional e delitos por estafas en Internet. CNP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta