Eu escribo para ser eu

O pasado xoves recibín o agradable convite dos amigos do Concello de Vilaboa para ofrecer unha charla- coloquio que titulei 'Eu non escribo para ser outro. Eu escribo para ser eu". A idea era falar de como entendo eu o exercicio literario, a lectura, o acto de creación. En definitiva, tentar entender mellor por que algúns facemos o que facemos: isto de xuntar unhas letras con outras.

Por Francisco Castro | Vigo | 05/02/2014

Comparte esta noticia
Eu non escribo, como di o tópico, para ser outro ou outros, nin para vivir as vidas que non podo vivir. Escribir para iso paréceme unha triste renuncia. Unha renuncia á vida. Eu escribo para ser eu. Eu son o que escribo. Non quero escribir para vivir unha vida diferente. Eu escribo para permitirlle sair á segunda persoa, á terceira, á cuarta, á enésima, que eu tamén son. Por iso digo que eu son o que escribo. Nas novelas. No facebook. No blogue. Nos artigos. E toda a miña literatura, toda, é autobiográfica. E escribo para ser singular no medio da globalización globalizante globalizada. Para ser un gran de area, si. Pero con plena conciencia da miña condición de gran de area. Escribo para ser eu e así ser diferente. O mellor que, segundo Saramago, se lle pode dicir a un escritor: que é diferente. E para cambiar o mundo. Porque, ao me expresar, estou posicionándome, opinando, colocando unha ollada sobre as cousas. E a literatura é comunicación e ás veces esa posición, esa opinión, esa ollada, chega a outros e con outros compartindo posicións, opinións e olladas todo se transforma.
 
Cando escribo son eu. e son o meu estilo. Porque os libros, como dixo Saramago, por citalo de novo, levan unha persoa dentro.
 
E cando eu morra, quedarán os meus libros. E como levan unha persoa dentro, eu vivirei neles, e de cada vez que alguén os lea, estará escoitando a miña voz e, así, terei vencido á morte.
Por iso escribo. Para ser eu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro