Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/09/2021 | Actualizada ás 10:48
Crianzas, pais e nais e profesorado percorreron varias rúas da capital galega para protestar polos recortes do profesorado. Convocados polas ANPAs das Fontiñas e do Monte dos Postes percorreron este mércores o treito que hai desde o CEIP das Fontiñas ata o CEIP do Monte dos Postes.
Con esta protesta, piden da Consellería de Educación que corrixa os recortes de profesorado que aplicou este curso aos dous centros. Neste momento os colexios teñen 3 docentes compartidos: un titor de 2º de E. Primaria, un especialista en Pedagoxía Terapéutica e un especialista en Audición e Linguaxe.
Denuncian que isto provoca que os nenos e nenas de 2º de Primaria, de 7 anos, estean media semana sen a figura do titor, tan relevante nesas idades, e que teñan ata 8 profesores diferentes, co cal a aula parece máis ben de Secundaria. Ademais, os nenos e nenas con necesidades especiais non poden ter unha atención correcta, ao recortar media praza de PT e de AL en cada centro, e ter aos dous especialistas compartidos.
Desde ambas ANPA destacan que non van permitir que os cativos e cativas non teñan unha educación de calidade polos recortes en profesorado; nin que aumenten os riscos de contacto de toda a comunidade educativa, ao ter 3 docentes indo cada día a un colexio diferente. Por iso, seguirán coas protestas ata ter unha resposta positiva por parte da Consellería de Educación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.