Denuncian á Xunta de Galicia por permitir o baleirado de encoros a mans das eléctricas

Adega vén de cursar denuncias contra as empresas eléctricas e o goberno galego, que podería ser procesado por un delito de prevaricación por omisión ao "coñecer" que se ían producir estes baleirados.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

A Xunta podería rematar nos tribunais polo baleirado de encoros acontecido este verán. A nova salta despois de que a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia veña de facer pública a súa denuncia contra o goberno autonómico pero tamén fronte ás eléctricas que, supostamente, se terían beneficiado na enerxía resultante deste baleirado.

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, intervén no comité executivo do seu partido. PPDEGALICIA
O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, intervén no comité executivo do seu partido. PPDEGALICIA

Dende a asociación describen como, nos pasados meses de xullo e agosto, varios encoros para aproveitamento hidroeléctrico situados na bacía hidrográfica Miño-Sil remataron con níveis moi baixos de auga. “Concretamente, os encoros de Cenza e Portas (concello de Vilariño de Conso), non superaban o 15% da súa capacidade, e o de Salas (concello de Muíños, Ourense) e Belesar (varios concellos de Lugo) amosaban un nivel de auga de arredor do 30%”, destacan.

A baixada de caudal, que Adega describe como “particularmente grave e brusca” no caso dos encoros de Cenza e Portas, “debeuse á actividade da empresa concesionaria dos aproveitamentos hidroeléctricos, en ambos os dous casos Iberdrola, que decidiu turbinar os caudais en plena época de estiaxe para producir electricidade nun momento en que o seu prezo acadaba máximos anuais”.

OS CORREOS Á XUNTA

Dende que se coñeceu a nova, a Xunta negou toda responsabilidade e apuntou á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, , dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Repto Demográfico, e por tanto en mans do PSOE. Adega apunta que a competencia si corresponde a este ente, pero que coa regulación vixente a baixada de caudal, aseguraron, “non se puido evitar”.

A Xunta, pola súa banda, negou ter coñecemento da cuestión, e mesmo chegou a acusar á CHMS de actuar ás súas costas. Pero pouco despois transcenderon os correos electrónicos cos que Iberdrola tería notificado ao Goberno galego as súas intencións de proceder ao baleirado dos encoros. De aí que a Asociación asegure que tanto Xunta como Confederación “tiñan competencias para evitar o baleirado dos encoros e coñecían as intencións das eléctricas”.

As denuncias de ADEGA céntranse agora nos posibles delitos cometidos por cada un dos entes implicados, é dicir, as eléctricas e a propia Xunta. No caso das primeiras, a asociación atinxe posibles delitos contra a fauna, a flora e o medio ambiente, mentres que no caso da Xunta a cuestión centraríase nunha “posible prevaricación por omisión”, como xa adiantara o PSdeG. O tempo dirá se a denuncia progresa e as responsabilidades se fan efectivas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta