Teresa Ribera cualifica de "barbaridade" o baleirado de pantanos das eléctricas

O Goberno lanzou a pasada semana unha normativa para limitar esta práctica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, sostivo que o baleirado que se produciu este verán en pantanos de varias concas españolas "é unha barbaridade" porque "a auga non é un recurso económico para turbinar", polo que "non é razoable" que se turbine o 70% dun encoro en seis semanas.

"Por tanto máis aló do que poida obterse deses expedientes informativos e se é sancionable ou non a conduta, creo que isto é un punto e aparte e un parágrafo novo con respecto a como se xestiona o potencial hidroeléctrico deste país porque a auga non é un recurso económico para turbinar"

Ribeira lembrou que as confederacións hidrográficas máis afectadas, que son as do Tajo, Guadiana, e Miño-Sil, solicitaron información aos titulares das centrais hidroeléctricas e, en moitos casos, pódense atopar cláusulas nas concesións nas que non se explicitan os límites do aproveitamento da auga.

Por iso, a semana pasada o Goberno decretou que se incorpore unha cláusula ao desenvolvemento da lei de augas para establecer "con total claridade" que hai que respectar "sempre" unha cota mínima e que "hai que ter clara a temporalización deses desembalses", indicou a titular de Transición Ecolóxica en declaracións aos medios en Cáceres tras participar nunha xornada sobre o futuro da enerxía organizadas pola Unión Europea e o Goberno de España.

A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira.
A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira. | Fonte: Europa Press

FACTURA DA LUZ

Doutra banda, a ministra Ribera remarcou o "compromiso firme" do Goberno co plan de choque para rebaixar a factura da luz e que os consumidores non se vexan "avocados a afrontar un crecemento moi importante". "Creo que en momentos convulsos, turbulentos como estes, todos debemos achegar para que os consumidores, sobre todo os máis vulnerables, pero en xeral os consumidores non nos vexamos avocados a afrontar un crecemento moi importante das nosas facturas, que non se corresponde ao cento por cento cun incremento real dos custos", manifestou.

Así, preguntada por se ten previsto reunirse coas eléctricas, Ribera sinalou que fala "con carácter xeral coas grandes eléctricas, as pequenas eléctricas e o sector no seu conxunto, nunca deixei de falar", e considerou que "é probable que algunhas das empresas vexan con desgusto algunhas das medidas" que expuxeron.

A este respecto, a titular de Transición Ecolóxica valorou que se trata de "empresas que teñen un gran potencial" porque a electrificación dos consumos enerxéticos "vai ir a máis", e por tanto, "seguirán crecendo". "Saben que é capital, evidentemente, que teñan un marco interesante para os seus investimentos, pero que tamén é fundamental que a sociedade apoie este proceso de transformación", apuntou.

"A partir de aí, estas medidas que son provisionais, que garanten a súa rendibilidade pre-pandemia pero que lles esixen unha contribución en favor dos consumidores cremos que son xustas, son proporcionadas, son compatibles co marco europeo e, evidentemente, seguiremos traballando con elas e vendo de que maneira seguir mellorando nese cambio estrutural que require o noso sistema enerxético", destacou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Quixeramos saber es esta muller foi a mesma que "arranxoulle" a Florentino ACS o asunto CASTOR que nos levou pola cara 2.500 millóns ? Non sei se é certo ou non, pero seguro que aquí hai xente que sabe máis ca min deste asunto ! https://twitter.com/00Gamela/status...