Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2021 | Actualizada ás 10:32
O titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do último detido por, presuntamente, participar no crime de Samuel Luiz. O arrestado, que pasou este mércores a disposición xudicial, está investigado por un delito de asasinato, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A súa detención, por uns feitos ocorridos na madrugada do 3 de xullo no paseo marítimo coruñés, produciuse o martes, de acordo cos datos achegados polo delegado do Goberno, José Miñones, que explicou que é un mozo amigo dos arrestados.
Tras pasar a disposición xudicial este mércores pola mañá, acolleuse ao seu dereito a non declarar. No auto no que decreta o ingreso en prisión do sospeitoso, o xuíz afirma que existe risco de fuga.
Con esta última detención, no caso hai cinco adultos investigados, dos cales catro están en prisión provisional e unha muller en liberdade con cargos e con medidas cautelares. A eles, súmanse dous menores que se atopan, dada a súa idade, nun centro de internamento.
Samuel Luiz faleceu tras a malleira que recibiu na madrugada do 3 de xullo á saída dun local de lecer nocturno e cando estaba a realizar unha videochamada con outra amiga. A Policía está a traballar no envorcado dos datos dos móbiles e xa, tras as primeiras detencións, non descartou que houbese novos arrestos.
DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA
Por outra banda, a Policía Nacional entregou este mércores no Xulgado de Instrución número 8 da Coruña documentación complementaria, para a súa incorporación á instrución, derivada do envorcado do contido dos teléfonos móbiles dos detidos polo crime de Samuel Luiz.
A ALCALDESA PIDE "CAUTELA"
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, felicitou á Policía Nacional pola nova detención no caso do crime de Samuel Luiz, pero pediu "cautela". A preguntas dos xornalistas, confirmou que falou co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, sobre esta nova detención, que se suma ás outras seis realizadas.
A rexedora felicitou á Policía "polo esclarecemento neste asasinato", pero pediu "cautela" e deixar "traballar" á Policía e á Xustiza. A detención desta persoa súmase a outro seis, dous menores, outro tres adultos, que están en prisión, e unha muller, tamén maior de idade, que está en liberdade con cargos e medidas cautelares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.