O BNG acusa ao Goberno de "non implicarse con Navantia" nin Ferrol

O Congreso vén de aprobar parcialmente un plan para diversificar o traballo nos estaleiros ferroláns.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2021 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

A Comisión de Industria do Congreso aprobou tres dos cinco puntos dunha iniciativa do BNG que pedía a diversificación do traballo de Navantia na ría de Ferrol co obxectivo de garantir a continuidade dos postos de traballo na empresa pública e nas auxiliares.

"Temos claro que este goberno non se implica con Navantia, non se está implicando no desenvolvemento socioeconómico da comarca de Ferrol", sinalou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha intervención da que informou a súa formación nun comunicado.

Rego considera que non só o Goberno do Estado se ten que implicar, senón que a Xunta de Galicia, como actor que posúe as competencias en materia industrial, ten que demostralo con feitos. Deste xeito, o BNG propón a integración e a participación activa do Executivo galego no Consello de Administración de Navantia Ferrol, un punto que foi rexeitado cos votos en contra de PSOE, Cs, Vox e coa abstención de Unidas Podemos e o PNV.

Na súa intervención, Rego lembrou tamén que a formación nacionalista segue defendendo a necesidade de converter a Navantia nun complexo industrial integral que sexa capaz de xerar a suficiente actividade par recuperar os postos de traballo perdidos e xerar novo emprego.

Neste sentido, o deputado entende que, ademais dos necesarios investimentos, "é imprescindible levantar os vetos á construción naval civil para que Navantia desenvolver todas as súas potencialidades e para acceder a todo tipo de contratos". "A construción naval militar é un mercado moi pequeno e con moitas limitacións", sinalou o BNG, que explica que este punto tamén foi rexeitado a pesar de contar co apoio de BNG, Unidas Podemos e ERC.

Pola súa banda, os apartados aprobados fan referencia a dotar a Fábrica de Turbinas de direccións e recursos propios suficientes para a "definición de novos produtos destinados ao sector das enerxías renovables en xeral e para fomentar a súa introdución e participación nos contratos da eólica mariña en particular".

Neste sentido, outro punto aprobado pide que se introduza nesta fábrica naqueles segmentos de actividade relacionados cos novos modelos sustentables de mobilidade marítima, procurando as colaboracións cos centros de investigación ou empresas que fosen necesarias. Por último, a formación nacionalista logra que se concrete un plan de investimentos destinado á modernización das infraestruturas de Navantia, dos talleres de prefabricado, diques para a nova construción e diques para reparación.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. EUROPA PRESS
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. EUROPA PRESS | Fonte: E. Parra. POOL - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta