A sanidade pública a debate... Presencialidade nos centros de saúde, para cando?

A pandemia continúa e con ela restricións de acceso aos centros de saúde para evitar contaxios. Mais os e as profesionais médicas piden que se resolva o problema de falta de profesionais, recursos e que se faga unha atención primaria pública e de calidade. Rexeitan a substitución da atención personalizada por outros modelos como os telemáticos, xa que consideran este tipo de atención e avaliación un risco para a saúde.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, declaraba o pasado 24 de setembro que un terzo dos centros de saúde galegos atendederon un 60% de citas presenciais. Por outra parte, o mesmo García Comesaña apuntaba que o futuro da atención primaria pasa pola teleasistencia, que ademais permitiría a captación dun maior número de profesionais. Estas dúas noticias son, para moitos dos profesionais que exercen a Atención Primaria e a medicina, unha declaración sen sentido. Consideran a presencialidade necesaria e clave para dar un bo diagnóstico e que ceder este tipo de atención (observación e diagnose) a outro tipo de profesionais é un risco que non se pode asumir.

A Asemblea de Áreas Sanitarias de Galicia convoca folga o 27 e 28 de novembro na Atención Primaria en Galicia.
A Asemblea de Áreas Sanitarias de Galicia convoca folga o 27 e 28 de novembro na Atención Primaria en Galicia.

CANDO PODEREI VER AO MÉDICO?

Manuel Martín, da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega (PDSPG), responde á pregunta cun: “non se sabe, porque a administración falta á verdade, sempre está faltando á verdade”. Actualmente o contacto co centro de saúde por vía telefónica é case un obstáculo para Matín. “Cando collen o teléfono danche unha cita para varios días máis adiante, logo tes que esperar unha cola”. Isto só demostra que se “puido contactar co centro de saúde” mais non garante unha atención de calidade.

Asistir ao médico de cabeceira pode facerse sempre, os centros de saúde non están pechados, o grande problema é a falta de persoal” di María Xosé Abuín da CIG. “Podes ver ao teu médico sempre que haxa tempo para ter citas”, pois as axendas dos facultativos sempre tiveron asistencia persoal. Entón, por que García Comesaña fala dun 60% en asistencia persoal nun terzo dos centros de saúde galegos? “Iso non debera ser un logro, a atención presencial debera ser do 90% ou máis” asevera Javier Martínez de UGT. “Se as diagnoses non son determinantes presencialmente e os procesos de derivación son lentos, facer este tipo de atención vía telefónica será peor”.

Feitas as mesmas consultas á Consellería de Sanidade por parte de Galicia Confidencial, o departamento de García Comesaña declara que o obxectivo en canto presencialidade era chegar ao 60% en 2021, “cousa que se acadou en 130 centros de saúde de toda Galicia”. A porcentaxe era un obxectivo “alcanzable para a Consellería, dado que, polo de agora, non rematou a pandemia”.

Consulta nun centro de atención primaria do Sergas
Consulta nun centro de atención primaria do Sergas | Fonte: Xunta de Galicia.

FALTA DE RECURSOS E DE HUMANOS

“A COVID puxo todo patas arriba, agora ben, o modelo de sanidade pública anterior á pandemia era un modelo obsoleto que non respondía ás necesidades da poboación” sinala Manuel Martín. Isto era así porque non se atendían factores como saúde mental (necesidade de psicólogos clínicos), traballo de rehabilitación con fisioterapeutas e traballo coa comunidade para a promoción da saúde entre outros. “O modelo telemático non é a solución porque deixará fóra a moita xente que non sabe valerse cos novos sistemas electrónicos”.

Comesaña sinalaba nunha reunión en Madrid a necesidade de apostar por un modelo de “medicina dixitalizada”, unha sorte de “telemedicina”. “Isto non é serio porque non ten en conta a dispersión da poboación en Galicia, non ten en conta a pirámide poboacional e de idade” declara Martínez. “A realidade é diferente, os profesionais da medicina teñen que dispor dunhas ferramentas que non pasan pola dixitalización”. As ferramentas sería o aporte de máis persoal, elemento cuxa falta impide, segundo sindicatos e plataformas, a atención debida aos pacientes.

“É como se a Consellería quixese transmitir á poboación que a culpa de non haber citas en Atención Primaria é dos facultativos” sinala María Xosé Abuín. “Haberá citas sempre que haxa oco nas axendas, mais teremos listas de espera mentres non se resolve o problema de recursos humanos”. Isto último implica a contratación de persoal que, se non se fixo até o de agora, foi debido a “doce anos de recortes do goberno Feijóo”.

“Se non quere contratar persoal que o diga directamente, pero o que non pode ser é que os servizos sanitarios sexan derivados a outras categorías profesionais que non están preparadas” di Martínez. E é que a idea que desenvolvería a “telemedicina” sería crear bases de datos para poder ter un perfil do paciente e así derivalo vía telemática ou telefónica a outra sección. “Iso nin é Atención Primaria nin é Atención Hospitalaria”.

Sobre se Sanidade está poñendo o foco na contratación de máis persoal para cubrir prazas de profesionais xubilados ou de baixa, a Consellería respondeu que “O Servizo Galego de Saúde está a desenvolver na actualidade as probas selectivas para cubrir un total de 996 prazas de persoal facultativo, en execución dos Decretos de oferta de emprego público dos anos 2018, 2019 e 2020”.

E segue ademais con “Este proceso selectivo cuadruplica o número de prazas convocadas no proceso selectivo anterior do ano 2016. En todos os procesos convocados o Sergas esgotou a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación do Estado. Cómpre destacar que a Xunta de Galicia solicitoulle en reiteradas ocasións ao Goberno central a eliminación da taxa de reposición, así como a convocatoria dun MIR extraordinario”.

A demanda de reactivar ao 100% a atención presencial, deixar a consulta telefónica como un apoio á presencial, non deixar que se creen bases de datos co noso perfil sanitario e aumentar o número de profesionais, son puntos que agora mesmo queren resolver os profesionais da sanidade pública. A cuestión é cando e como se fará.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento galego
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento galego | Fonte: Xunta de Galicia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riuriu

Buena parte del funcionariado sanitario no quiere trabajar. Otra cosa son los de Urgencias y las UCIs, cuyo grancomportamiento no tiene nada que ver con el típico burócrata de ambulatorio.