A Xunta ve en Galicia "potencial" para ser rexión "referente" na produción de renovables

Neste sentido, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais sinala que os fondos europeos de recuperación serán clave.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 03/10/2021 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, asegurou que Galicia ten "a capacidade e o potencial" para situarse como rexión "referente" na produción de enerxías renovables, almacenamento e tecnoloxías asociadas.

Así o sinalou durante a súa participación no encontro virtual 'Obxectivo 55: un paso intermedio para acadar a neutralidade climática', organizado pola Fundación Galicia Europa-Next Generation Galicia. Segundo indican, os obxectivos marcados pola Comisión Europea neste novo paquete lexislativo busca impulsar, ata 2030, a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto aos niveis de 1990 en, polo menos, un 55%.

"Sabemos cara a onde imos, cara a unha Europa neutra en carbono en 2050, e Galicia forma parte desa solución", apuntou Uría, que tamén lembrou que a galega é a segunda comunidade en España en produción de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables.

A directora xeral destacou como un dos obxectivos principais "o incremento da eficiencia enerxética en todos os sectores de actividade" e o "impulso da xeración enerxética a partir de fontes renovables", así como o "almacenamento enerxético para poder xestionar esa enerxía".

"É necesario que o sector industrial consiga a descarbonización para ser tamén máis competitivo, e niso vai xogar un papel crave a dixitalización", asegurou, á vez que avoga por "unha reindustrialización nas zonas de transición xusta". A este respecto, Paula Uría incidiu na "oportunidade" que representan os fondos europeos de recuperación Next Generation para "desenvolver estes eixos estratéxicos". "A candidatura galega conta con proxectos maduros que apostan pola colaboración público-privada", aseverou.

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo
Parque eólico de Greenalia en Vimianzo | Fonte: Greenalia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta