Bugallo censura a "enorme irresponsabilidade" do condutor fuxido que arroiou a un mozo este fin de semana

Santiago manterá o dispositivo de vixilancia as próximas semanas, pero o alcalde confía en que a situación avance cara á moderación

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2021 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, referiuse este luns aos incidentes rexistrados este fin de semana durante a noite na capital galega, en particular ao atropelo dun mozo por parte dun condutor que se deu á fuga co seu vehículo para fuxir dunha patrulla policial.

O mozo, de 19 anos, foi trasladado ao Hospital Clínico ferido de gravidade tras ser arroiado por este vehículo na madrugada do sábado a domingo, nun momento no que varios centos de mozos saían dunha discoteca do Ensanche.

Bugallo censurou a actuación do condutor, que cualificou de "unha enorme estupidez e enorme irresponsabilidade", e trasladou "a maior das preocupacións" para que a vítima logre unha pronta recuperación. "Todo indica que si", sinalou.

Axentes de policía vixían as aglomeracións de grupos de mozos na vía pública de Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press
Axentes de policía vixían as aglomeracións de grupos de mozos na vía pública de Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

RECUPERACIÓN

O mozo  "evoluciona favorablemente" no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Así o confirmaron fontes sanitarias consultadas por Europa Press, que indicaron que o mozo permanece en planta do Hospital Clínico de Santiago despois de ingresar por Urxencias.

O rexedor municipal cinguiu estas situacións a temas "absolutamente puntuais e circunstanciais" e confiou en que a situación nocturna na capital galega camiñe cara á moderación de forma progresiva. En todo caso, Santiago manterá o dispositivo de vixilancia nas próximas semanas, despregado tras as importantes aglomeracións rexistradas o pasado mes de setembro no centro urbano, "para ir verificando que isto se cumpre".

INCIDENCIAS POR METEOROLOXÍA

Sobre o mal tempo, Bugallo limitou as incidencias a algunha caída de árbores, especialmente nos bordos do Río Sarela e que "hoxe mesmo se retirarán para facilitar o uso do paseo peonil". Tamén se produciron caídas de ramas nalgúns puntos do centro urbano e outras cuestións "inevitables" ante unha xornada de climatoloxía adversa.

"Non temos motivos para crer que teñamos unha situación de perigo", insistiu o alcalde compostelán, que lembrou que o servizo de mantemento de parques realiza un seguimento e control periódico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta