O Concello de Muxía dá por rematada a problemática da auga porque "cumpre os parámetros normais de consumo"

Houbo numerosos veciños afectados con síntomas de gastroenterite, o que levou a cortar a subministración municipal o venres pasado puntualmente.

Por Europa Press / Redacción | Muxía | 04/10/2021 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O Concello de Muxía dá por finalizada a problemática da auga porque as análises ratifican que "cumpre os parámetros normais de consumo", tras resultar numerosos veciños afectados con síntomas de gastroenterite, o que levou a cortar a subministración municipal o venres pasado puntualmente.

Auga da billa
Auga da billa | Fonte: Europa Press.

Así o informou o Concello este luns, no que indica que os últimos resultados das análises feitas pola empresa especializada Biocontrol y Calidad Alimentaria S.L., contratada polo Consistorio, "confirman que a auga do abastecemento municipal muxián cumpre os parámetros normais de consumo". "Por tanto, dáse por rematada a problemática dos últimos días despois da actuación realizada o venres", engade.

Respecto diso, o Consistorio explicou que nos próximos días seguiranse realizando análises completas das augas "para un maior control post-brote".

O Concello puntualizou que "non se sabe con certeza a orixe do incidente", pero apunta que "a teoría que colle forza tras os resultados e os datos certificados obtidos é que no sistema de captación de auga (ETAP Os Muiños) albergáronse dous tipos de bacterias dun posible vertido" que, matizou, "son causantes de molestias gástricas compatibles cos síntomas que moitos usuarios padeceron nestes días".

Este feito, engade o Consistorio, "sumado a unha posible alteración do sistema de clorado que non deu contrarrestado a aparición de bacterias puido ser o causante da grave problemática". "Aínda así non se pode asegurar que todos os casos de afectados sexan vinculados co sistema de abastecemento de auga, polo que tamén se contempla a posibilidade de que existan dous focos paralelos", apostila.

Deste xeito, apunta por unha banda, "o maioritario, vinculado ao consumo de auga da rede municipal de orixe bacteriano" e outro, de menos casos, "vírico que afecta a diferentes poboacións da provincia e que nada ten que ver con esta problemática", agrega.

SOLUCIÓN

Con todo, o Concello de Muxía reivindica que traballou "para solucionar o problema que as análises detectaron, coa maior celeridade e seguridade posible".

Ademais, detallou que o informe realizado pola empresa e o Concello de Muxía, composto de toda a documentación obtida do proceso, "está en mans da Xunta, como esixe o protocolo", matiza, para "completar e analizar pola súa banda o expediente".

O Concello de Muxía agradece "a colaboración recibida" do departamento de calidade ambiental durante este proceso, e lamenta "profundamente" o sucedido, á vez que desexa a "pronta recuperación" das persoas que "poidan seguir a día de hoxe con problemas gástricos", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta