Por E.P. | Compostela | 04/10/2021 | Actualizada ás 17:40
O xerente do Sergas, José Manuel Flores, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, foron condecorados no marco do Día da Policía en Santiago coas medallas da cruz ao mérito policial, entre unha vintena de axentes e persoas alleas ao corpo, polo papel desenvolvido na pandemia e a loita contra a covid-19.
Os actos conmemorativos buscaron render unha sentida homenaxe aos axentes caídos en acto de servizo e un recordo a todos os falecidos por mor da crise sanitaria, ademais dun recoñecemento ao traballo dos diferentes sectores para afrontar o contexto de pandemia. Xunto a Flores e Durán, tamén foi condecorado o xefe da Policía Local de Santiago, Jose Ramón Silva, e uns 17 axentes.
O evento celebrouse este luns no Auditorio de Galicia, coa presenza da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices; o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; o xefe da Unidade da Policía Nacional Adscrita, Jorge Rubal e o comisario xefe de Santiago, Castor Vázquez, entre outras autoridades.
O propio comisario de Compostela abriu o acto lembrando que a pandemia "transformou moitas cousas", sobre todo na contorna "hostil e volátil" no que a Policía Nacional desenvolve a súa actividade. Por iso destacou a importancia de pór en valor a capacidade dos profesionais e axentes que se esforzaron día a día, ademais de colectivos como o sanitario.
Jorge Rubal, comisario da UPA, incidiu en que esta profesión é "dura, cargada de dificultades", e responde as esixencias dun Estado de Dereito, con "altas doses de vocación de servizo público". Así, valorou a importancia desta xornada en recoñecemento "do esforzo colectivo e individual" de cada un dos axentes, que afrontaron unhas "circunstancias excepcionais" no medio do desconcerto e avanzando aos poucos coordinándolles co resto de efectivos e forzas de seguridade para achegarse á sociedade.
De feito, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, trasladou un recoñecemento público ao "extraordinario comportamento solidario" da Policía Nacional no último ano e medio de pandemia, traballando "intensamente para protexer a saúde pública á conta de pór en risco a súa persoal" e en colaboración e coordinación, "con lealdade e dedicación", con outros efectivos, como a Policía Local ou a Garda Civil .
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.