3.000 euros en cortinas: o PSdeG critica os gastos "eticamente reprobables" do Concello ourensán

Mentres, indican os socialistas, González Jácome "suprime o investimento en cultura ou recorta o gasto social sen pudor"

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 07/10/2021 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE tachou de "inadmisible" o gasto de máis de 3.000 euros que aseguran que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, empregou na compra de cinco cortinas para un despacho municipal.

Nun comunicado, os socialistas censuraron o "malgasto vergoñento e suntuoso" dun alcalde que "dilapida fondos públicos en redecorar o Concello mentres suprime o investimento en cultura ou recorta o gasto social sen pudor". "É indignante que o alcalde non escatime en mobiliario de luxo para os despachos municipais e en dispositivos móbiles de alta gama da súa staff e, por contra, elimine partidas relacionadas con cuestións fundamentais para o benestar da veciñanza", criticaron.

Desta forma, aseguran, "queda demostrado o criterio deste alcalde para decidir en que cuestións inviste o diñeiro de todos, que non é en absoluto o ben común, senón o seu benestar persoal e en satisfacer os seus carísimos antollos".

O PSdeG-PSOE asegurou que "teñen constancia" de que existen máis gastos relacionados co mobiliario e o redeseño de dependencias municipais do Concello, motivo polo que anunciaron que acaban de solicitar a desagregación pormenorizada de todas as facturas a este respecto no que vai de mandato.

"Non imos tolerar que utilice o diñeiro de todos coma se o Concello fose a súa empresa privada", advertiron, tras o que reclamaron "un goberno responsable". "Só unha semana despois de sacar á luz que o alcalde pretendía gastar preto de 40.000 euros en reloxos, móbiles e mesmo un scooter para o seu staff, agora temos constancia de que tamén está a realizar gastos accesorios e peregrinos que son eticamente reprobables polos elevados importes e polo fin que perseguen, que é colmar de caprichos ao alcalde", sinalan.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Concello de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta