GC Aberto

OTAN vs AUKUS

Por admin | GC ABERTO | 08/10/2021

Comparte esta noticia

A OTAN nace co pretexto de combatir a “ameaza comunista”, como se o socialismo fora a tese agresiva. Precisamente o Pacto de Varsovia nacería seis anos despois de crearse a OTAN como autodefensa ante a provocación bélica da Alianza Atlántica. A hecatombe dunha conflagración nuclear, rebaixaría as pretensións da OTAN, dando paso a unha Guerra Fría na que organismos como a CIA, o Banco Mundial ou o GATT cumprirían un mellor papel para occidente.

OTAN
OTAN | Fonte: arquivo

Mais por que segue existindo e expandíndose a OTAN trala autodisolución do bloque socialista? A razón da existencia da OTAN teremos que buscala noutros motivos coma a de contentar á insaciabel industria armamentística ianqui. Tanto Trump como Biden se comportan como dous feirantes intentando vender o seu armamento obsoleto no seo da OTAN. Para iso inventan ameazas coma o “terrorismo islámico” exixindo dos membros da coalición que o 2% do PIB se destinen a gastos militares.

Porén, as desavinzas entre os membros da OTAN fanse cada vez máis evidentes. O caso de Turquía coa adquisión do sistema S400 ruso, o malestar no Estado Español polos guiños contantes de EE.UU. a Marrocos, as diferencias nas aportacións dos membros á OTAN ou a fuxida de EE.UU. de Afganistan sen consensualo previamente cos aliados da OTAN, son mostras do sen sentido da “coalición” militar.

As críticas de Francia á nova alianza AUKUS contra unha “ameaza China” ten dúas lecturas. Por unha banda reaviva as vella pantasmas dos intereses dos imperialistas polo reparto do mundo que remataron en dúas Guerras Mundiais.

Por outra banda, semella que moitos dos integrantes da OTAN non teñen o mesmo afán que EE.UU. nesta confrontación coa China. Os EE.UU. dan un paso en firme na busca de novos aliados ante unha UE en descomposición. Francia xa abandonara a OTAN polo negativa a plegarse ante estratexias que só beneficiaban aos EE.UU..

Agora, coa saída do Reino Unido, Francia fica como única potencia nuclear no seo da UE, unha ventaxa da que Macron busca o protagonismo que carece no económico e político, invocando un exército europeo con armamento propio tal como recolle o Tratado de Mastricht.

Baixando ao terreo do mundanal, gostaríame saber o número de talentosos galegos e galegas alistadas no exército español como única saída laboral. O máis triste é dar o mellor de ti para salvarnos de ameazas delirantes coma a invasión das tropas rusas prevista dende a autoproclamada República de Catalunya.

Poio,

Xose Rios

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta