O PSdeG insta a Feijóo a comprometerse cos municipios do rural para garantir a igualdade de oportunidades

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2021 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou este sábado á Xunta compromiso e investimentos no medio rural para garantir a igualdade de oportunidades de todos os galegos e galegas con independencia do lugar no que residan.

Nunha visita a Monterroso, e da que informou o PSdeG nunha nota de prensa, o tamén secretario xeral do PSdeG avogou por que todos e todas teñan "servizos públicos en igualdade tanto no que se refire a sanidade ou á educación públicas, como na atención aos maiores".

Por iso, volveu a reclamar a Feijóo que se comprometa cos pequenos municipios ao considerar que "non haberá unha reactivación forte en Galicia se a Xunta non fai unha política territorial de vertebración".

"Queremos", defendeu, que o Goberno galego aposte polos municipios do rural e queremos que aposte, desde logo, polos concellos da provincia de Lugo, como Monterroso, onde é necesario que a Xunta cumpra en materia de investimentos e servizos públicos".

En definitiva, proclamou Gonzalo Caballero, "é necesario que cada galego e cada galega teña os mesmos dereitos independentemente de se vive nunha cidade ou nun municipio do rural".

Con ese obxectivo, destacou que os socialistas seguen a pé de Galicia, "traballando polos galegos e galegas, e dando propostas e respostas aos problemas da cidadanía en cada municipio, en cadacomarca e en cada recuncho do país".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa no Parlamento de Galicia. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa no Parlamento de Galicia. PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta