Un veciño de Ferrol, en liberdade con cargos tras deixar na UCI moi grave a un home co que viaxaba nun coche

O agredido atópase moi grave no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 10/10/2021 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

Un veciño de Ferrol foi posto en liberdade con cargos tras ser detido como suposto autor dunha agresión a outro home co que viaxaba no mesmo vehículo e que se atopa en estado moi grave no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

Fontes consultadas por Europa Press trasladaron que a agresión se produciu sobre as 9,30 horas do pasado luns, 4 de outubro, na rúa Instituto de Ferrol. Ao parecer, tres compañeiros dun negocio de hostalaría situado no Cantón de Molins decidiron desprazarse ata outro negocio de Narón (A Coruña), situado na estrada de Castela, a tomar algo unha vez pechado o seu establecemento.

Foi alí onde se atoparon cun cuarto home, xa coñecido polo agora agredido, e estableceron conversación. De alí desprazáronse a outro establecemento da estrada de Catabois, xa en Ferrol, onde se produciu a primeira discusión entre ambos, sendo necesaria a intervención de terceiros para acougar os ánimos.

VIAXE NO MESMO VEHÍCULO

Xa pola mañá, cando ambos viaxaban no mesmo coche, produciuse unha nova discusión e o condutor --empregado do negocio de hostalaría-- decidiu deter o vehículo e pedirlle que se baixase. Ambos apeáronse e comezaron a discutir e a pelexarse. O condutor recibiu varios golpes na cabeza e ficou inconsciente.

Alertados por varios veciños e transeúntes na zona, desprazáronse ata o lugar axentes da Policía Local de Ferrol e unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que atenderon ao ferido unha vez recuperou a consciencia.

Tras unha primeira intervención para comprobar o seu estado de saúde, os axentes policiais practicáronlle a proba de alcoholemia, na que arroxou un resultado positivo. No entanto, negouse a ser trasladado a un centro hospitalario co pretexto de que se atopaba xa recuperado.

Pero, ante a insistencia do persoal sanitario e dos axentes da Policía Local de Ferrol, finalmente accedeu a ser levado ao Hospital Arquitecto Marcide, de onde é derivado de inmediato ao hospital herculino polo alcance das feridas que sufría na cabeza. Así, prosegue ingresado na UCI do Chuac en estado moi grave.

Mentres tanto, a finais desta semana, o presunto agresor, que non contaba con antecedentes, foi levado ante o xuíz, que decretou a súa posta en liberdade con cargos.

Vehículo da Policía Local . GARDA CIVIL
Vehículo da Policía Local . GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta