Hostalaría, comeza a conta atrás para outra “nova normalidade”

O sector hostaleiro está esperando o levantamento de restricións para todo tipo de locais. Logo de dezaoito meses de peches e limitacións, os profesionais do sector cren que as cifras non volverán a índices pre-pandemia até finais de 2022. Tampouco esquecen a “criminalización” do seu sector durante os períodos máis duros da COVID en Galicia.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/10/2021 | Actualizada ás 22:06

Comparte esta noticia

A Xunta sinalou o sábado 8 de outubro como a data para a “nova normalidade” coa supresión de restricións sobre o sector da hostalaría. Máis de ano e medio despois do inicio da crise pandémica mundial, os hostaleiros galegos reciben a noticia con optimismo aínda que con certas reservas. Estiman necesario manter algunhas das medidas adoptadas para que o sector poida recuperar pulo durante os próximos meses. Entre esas medidas, poder ter as terrazas ampliadas até que a situación se estabilice economicamente para eles. Non esquecen tampouco a “criminalización” do sector durante algunhas das fases de repunte durante as diferentes vagas COVID.

Varias persoas na terraza dun restaurante. César Arxina - Europa Press
Varias persoas na terraza dun restaurante. César Arxina - Europa Press

RESULTADOS DESPOIS DO VERÁN E PONTE DO PILAR

A Ponte do Pilar supuxo niveis de ocupación hostaleira desde o 85% ao 95% segundo o Clúster do Turismo de Galicia. A eliminación de límites en aforos e ocupación animou ao turista nacional e iso deixouse sentir nos resultados, aínda que falten datos definitivos. “Fixemos unha enquisa de previsións que apuntaban ocupacións do 100% en hoteis a Zona Vella de Santiago e fóra dun 70% de media” sinala Thor Rodríguez da Asociación de Hostalaría de Compostela.

Pola súa parte, Cheché Real, presidente da Asociación Galega de Hostalaría, sinala que “a impresión é que os resultados da Ponte son óptimos en visitas ocupación en toda a provincia de Lugo”. Un dato son as Festas do San Froilán en Lugo cidade onde “permitir as barracas foi un acerto”. 

No que toca a toda Galicia, desde www.turismo.gal apuntan que as cifras do mes de agosto en cada provincia galega mostraban aumentos de ocupación e demanda. A Coruña, Lugo e Ourense aumentaron as cifras mentres Pontevedra, aínda seguindo a tendencia das outras tres provincias aumentando as cifras de ocupación, non o fixo coa mesma intensidade.

RECUPERACIÓN

Os resultados, segundo hostaleiros e autoridades autonómicas, mostran tendencias positivas de cara a un aumento da demanda hostaleira en Galicia. Alén diso, demostran estas cifras estar xa no camiño da recuperación? Estamos no comezo da recuperación, non estamos na recuperación, aínda non estamos en números pre-COVID” sinala Thor Rodríguez. “Non imos recuperar o perdido, podemos remotar os niveis anteriores á pandemia” destaca Real.

A chegada aos niveis pre-COVID tardará? “Será inmediata, baséome no que pasou no verán e o acontecido na Ponte, e todo con restricións” apunta Real. As expectativas son que, unha vez levantadas todas as restricións se poida traballar ao 100%. “Agora mesmo os índices da COVID son testemuñais grazas á vacinación”. Isto permite xa unha maior ocupación para os locais.

O desexo de recuperar a normalidade inclúe a volta ás barras, elementos moi importantes para os locais, sobre todo nas diferentes zonas históricas das diferentes cidades galegas. Nestas áreas os locais son locais pequenos que necesitan da barra para subsistir, apuntan desde o sector. As restriccións a este espazo quitoulle a rendibilidade que deixaba nos locais. As diferentes asociacións profesionais reclaman a apertura total da barra para acelerar os ingresos no sector logo do peche e das medidas restrictivas.

ALGUNHAS CONSECUENCIAS DA PANDEMIA

“O sector da hostalaría, cando pechou, fíxoo de motu propio e o resultado foi a paralización de toda a cadea que se move ao seu redor” destaca Real. Esa cadea incluía alimentación, subministración, pesca ou agricultura só por mencionar algúns. Volvendo ao exemplo do uso das barras, Thor Rodríguez apunta “agora mesmo temos problemas con Santiago(é)tapas, por que?, pois porque a xente di: chama o ano que vén pois eu sen barra non abro”, cando esta iniciativa “antes se movía soa”.

As autoridades locais, con competencias sobre a apertura de terrazas no exterior, permitiron aumentar o espazo de ocupación das mesmas. O argumento era dar un apoio máis ao sector en vista das restriccións no interior e poder aumentar os ingresos de restaurantes, bares e outros locais de hostalaría. “O das terrazas veu para quedar, porque para empezar, o virus está aí e temos que convivir con el, logo o uso dos espazos no exterior debería ser revisado” di Real en referencia ás normas de Terrazas e veladores. A petición é revisar toda a normativa para acoutar espazos e limitar lugares onde se pode colocar unha terraza.

A hostalaría afronta con certo optimismo as medidas de apertura logo de ano e medio de pandemia. Desde o sector sinalan que a convivencia co virus marcará o futuro e por tanto, a responsabilidade social e individual será moi necesaria para que non haxa novos rebrotes. Outro punto a ter en conta foi a resposta unánime do peche no sector cando de decretou o estado de alarma, algo que se considerou necesario se o sector quería seguir adiante. E aínda así, houbo quen non se recuperou e pechou definitivamente ou quen volve con dificultades. Está por ver cales son os resultados anuais despois de decembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta