A ponte de Pilar deixa datos de récord no turismo galego, sobre todo no rural

"En principio superáronse as previsións", apuntan dende o sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2021 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

Os niveis de ocupación nos distintos establecementos de hospedaxe situáronse na ponte do Pilar entre o 85 e o 95%, chegando nalgúns casos á plena ocupación, sobre todo no turismo rural. Así o apuntaron a Europa Press desde o Clúster Turismo de Galicia e desde asociacións consultadas. "En principio superáronse as previsións", sinalaron desde o primeiro, que destacaron a chegada de visitantes, igual que ocorreu no verán.

O mesmo apuntan desde outras asociacións. Así, o presidente da Confederación de Hostalaría de Ourense, Ovidio Fernández, resalta a ocupación en zonas como a Ribeira Sacra, pero tamén remarca a chegada de visitantes noutras provincias, tanto de interior como de costa.

Do tipo de visitante, cualificouno de "itinerante" polo feito de que se desprazou a distintos sitios durante esta ponte. "Funcionou moi ben", engadiu sobre a situación na provincia de Ourense, pero tamén en xeral en Galicia. "Estamos no bo camiño", engadiu de cara ás expectativas existentes no sector, sobre todo para o próximo ano.

ELIMINAR RESTRICIÓNS

Do mesmo xeito que no conxunto de Galicia, a ponte do Pilar na provincia de Lugo deixou uns niveis de ocupación hoteleira de "entre o 80 e o cento por cento", segundo os datos do presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría, Cheché Real.

Real puntualizou que "foi diferente desde o venres ata o martes, sendo o punto máis álxido de ocupación e presenza de xente de fóra o sábado". Mentres, estimou que se estivo "entre o 80 e o cento por cento e o sábado e o domingo en moitos establecementos chegouse ao cento por cento de ocupación".

Unha alta incidencia que se produciu "en negocios de aloxamento, tamén en cafetarías, restaurantes e no lecer nocturno igualmente". "É un bo sinal de que imos polo bo camiño tanto económico como na finalización das restricións, que é o que levamos pedindo desde hai case un mes, que se terminen as restricións", dixo.

MANTER A TENDENCIA

"En toda a provincia a ponte foi tamén magnífica en canto a ocupación, a pesar das circunstancias nas que nos atopamos e das restricións que seguen en vigor", reiterou. Tamén cualificou de "magnífica" a alta afluencia de "visitantes e turistas" á cidade e á provincia. "Esperemos que a tendencia siga sendo esta, a xente ten ganas de gozar do lecer e do tempo libre despois de máis dun ano e medio que levamos confinados", aseverou.

Por outra banda, do San Froilán, que tamén elevou esta alta ocupación, o presidente dos hostaleiros de Lugo congratulouse que foron unhas festas "magníficas" e así profundou en que "foi un acerto poder instalar as barracas, porque foi un reclamo máis para que a xente visitase a cidade".

Varias persoas na terraza dun bar na Coruña.. M. Dylan - Europa Press
Varias persoas na terraza dun bar na Coruña.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta