Feijóo ve "carencias preocupantes" nos orzamentos para Galicia: "Non hai un gran crecemento"

O presidente pon o foco no "bloqueo" ás autovías e engade que non hai novos "proxectos de calado" para ningunha cidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recela do impacto en Galicia dos Orzamentos Xerais do Estado e puxo o foco en varias carencias que considera "preocupantes": o "bloqueo" ás autovías e que non haxa novos "proxectos de calado en ningunha cidade".

No que respecta ás infraestruturas, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, Feijóo incidiu en que non se contempla a saída sur de Vigo, nin os accesos á Coruña ou a Ourense, á vez que "se confirma" que "todas os grandes investimentos en materia de autovías non tocan no ano 2022".

O presidente aludiu ás reducidas contías para os proxectos de Vigo-O Porriño, a ampliación da Avenida de Alfonso Molina e a Ponte Pasaxe, na Coruña, a autovía da Mariña ou a de Ourense-Ponferrada, pero "especialmente abandonada" queda, ao seu modo de ver, a autovía Lugo-Ourense, e tamén a de Lugo-Santiago, con anualidades ata 2025 cando debería estar acabada en 2022.

Máis aló, en termos xerais e á espera de ter unha avaliación máis completa do proxecto de Orzamentos, o presidente advertiu que o Estado "reserva para si o 50% dos investimentos" e que o 50% restante que "territorializa" si representa un incremento do investimento.

Pero a este respecto, matizou que se constata "un incremento do 9%" sobre o orzamento anterior, "que crecía un 6%, o peor da historia". "Así un 9% pode parecer moito, pero en anteriores proxectos crecíase un 12%. É un crecemento aceptable, pero non o gran crecemento do que o Goberno nos quere convencer", aseverou.

CAUTELA ATA VER NOVAS "CONDICIÓNS"

En termos xerais, Feijóo insistiu, ademais, en que os orzamentos non son "rigorosos" nin "realistas" nos ingresos e reiterou en que o "incremento impositivo" que recollen "non é bo para a reactivación económica" e pode frear o consumo. Ademais, apelou a ser cautelosos, xa que se coñecen as "condicións" de Podemos, "pero aínda non as de Bildu, ERC, PNV ou Junts Pel Si".

O EMPREGO, "PRINCIPAL POLÍTICA DE VIVENDA"

Por outra banda, sobre a lei de vivenda estatal, reivindicou as decisións adoptadas en Galicia para favorecer a accesibilidade e esgrimiu que o 'bono aluguer' "é algo bastante antigo, unha medida bastante antiga que xa implementaron gobernos do PP e do PSOE". "Pódese discutir o importe do bono, pero non é unha novidade", recalcou.

Preguntado polas manifestacións do seu xefe de filas, Pablo Casado, acerca de que tendo traballo "se pode acceder a unha vivenda", Feijóo replicou que "por suposto", baixo o seu punto de vista, "o fundamental para acceder á vivenda é o emprego", xa que unha persoa en paro ten moitas máis dificultades para facer fronte a un aluguer ou hipoteca e "chegar a fin de mes". "O emprego é a principal política de vivenda", sentenciou.

Finalmente, esgrimiu que na proposta estatal, que aínda non coñecen en detalle as comunidades posto que non houbo conferencia sectorial, hai "moito ruído" e "poucas medidas efectivas". "Non sabemos cantos concellos van subir o IBI e as comunidades que van intervir o prezo da vivenda. Dáme a sensación de que os concellos non van subir o IBI e as comunidades non van intervir os prezos da vivenda, así que quedará nunha declaración de intencións", resolveu.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta