Clubs de lectura, outro atractivo turístico para visitar a Ribeira Sacra

O Club de lectura da Biblioteca municipal de Allariz estará este sábado 16 de outubro de visita por este territorio seguindo os pasos da obra de Dolores Redondo, “Todo isto che darei”. Falamos cunha das súas compoñentes.

Por X.M. Fernández | Allariz | 16/10/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Allariz conta, dende o 2019, cun club de lectura que pretende fomentar o interese polos libros e organizar moitas e variadas actividades relacionadas coas obras que se vaian escollendo. Falamos con Carol Cid Palmeiro, a encargada da Biblioteca Municipal de Allariz, unha das persoas do equipo de traballo.

Biblioteca Municipal de Allariz. Foto: Carol
Biblioteca Municipal de Allariz. Foto: Carol

Cando e como se creou o Club de lectura da Biblioteca municipal de Allariz?

Creouse a finais do ano 2019. Despois de xa hai anos intentalo un par de veces sen éxito, viñeron preguntar á biblioteca se existía un club de lectura e a partir dese momento comezamos a traballar e fixemos unha nova convocatoria que tivo unha acollida moi boa. Tamén é verdade que agora a través das redes sociais podemos chegar a mais xente e antes só era posible con cartelería que se poñía polo pobo. Era un proxecto que nos parecía dende sempre moi interesante e moi enriquecedor para a biblioteca.

Que perfil de membro ou socios/as tedes? Aberto a todas as idades, supoño?

Si, o club está aberto a todas as idades. Maioritariamente son mulleres, aínda que tamén hai homes, cunha franxa de idade entre 40 e 70 anos aproximadamente.

Actividade no Salón de Actos da Casa da Cultura. Foto: Club Lectura Biblioteca Municipal de Allariz
Actividade no Salón de Actos da Casa da Cultura. Foto: Club Lectura Biblioteca Municipal de Allariz

Tedes un programa de actividades estable durante o ano ou ides improvisando?

O programa é estable pero pode ter aperturas a cousas que van xurdindo, como encontros con algún autor, visitas guiadas como por exemplo o Festival Internacional de Xardíns que este ano está dedicado a poesía... O club ten a lectura dun  libro cada mes ou mes e medio e a súa reunión correspondente. Temos 45 participantes aínda que ás reunións veñen aproximadamente a metade. Alternamos lecturas en castelán e en galego.

"O club ten a lectura dun  libro cada mes ou mes e medio e a súa reunión correspondente"

Ademais temos un grupo de whasapp que non só serve para dar información da recollida dos libros ou das reunións e saídas. Grazas ao interese e iniciativa da xente é un grupo moi activo no que se comparte moita información relacionada coa lectura, dende cancións ata fotos e vídeos.Teño que destacar a participación activa que nos presta dende o principio Ánxeles, unha mestra xubilada da Universidade laboral de Ourense, e á que lle agradecemos enormemente o seu gran labor.

Que actividades funcionan mellor?

Pois como levamos pouco tempo, ata o de agora todo. No 2020 debido a pandemia tivemos que cancelar encontros con autores e dúas saídas, unha a Ribadavia e outra a Salamanca. Pero en canto nos foi posible comezamos coa lectura dos libros e as reunións que pasamos de facelas na biblioteca ao Salón de actos da Casa da Cultura, por ser un espazo mais amplo e así respectar as medidas sanitarias.

"No 2020 debido a pandemia tivemos que cancelar encontros con autores e dúas saídas, unha a Ribadavia e outra a Salamanca"

Tedes algún criterio na escolla das lecturas?

Ánxeles, unha pioneira nos clubs de lectura, xa como profesora na Universidade Laboral de Ourense, axúdanos moito. Fainos recomendacións pero no grupo pídese tamén opinión. Sempre intentamos ter unha temática moi diversa, tendo en conta tamén que a elección pode vir dada polo xogo que nos dá o libro para facer saídas.

E como facedes cos exemplares das obras a ler?

Para que ninguén teña que mercalos expresamente se non quere, Ánxeles facilita nalgúns casos exemplares e tamén llos pedimos á Biblioteca de Galicia. A nosa biblioteca é moi pequena e tampouco tempos presuposto para ter un gran número de exemplares de moitas obras. Na maioría de casos só tempos un exemplar de cada título.

"Sempre intentamos ter unha temática moi diversa, tendo en conta tamén que a elección pode vir dada polo xogo que nos dá o libro para facer saídas"

Respecto das saídas cultural-literarias, este sábado ides á Ribeira Sacra. Cóntanos.

Pois si, despois da lectura do libro da autora Dolores Redondo, “Todo isto che darei”, este sábado facemos unha viaxe pola Ribeira Sacra e Monforte de Lemos, onde visitaremos parte dos lugares reais onde se inspirou a autora como por exemplo a adega Vía Romana, o embalse de Belesar e o Mosteiro de Monforte de Lemos. Seremos unhas 24 persoas.

Ademais, visitaremos Ferreira de Pantón, o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño e en Monforte a Torre da Homenaxe e o Museo do viño. Fainos moita ilusión esta saída porque despois de ter que cancelar as que tiñamos previstas no 2020 é a primeira que imos facer. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta