As empresas eólicas pisan o acelerador grazas ao proceso "amañado" da Xunta

Petón do Lobo denuncia unha nova avalancha de proxectos que resultarían aprobados grazas ás permisivas normas da administración autonómica.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2021 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

A fin da campaña de vacinación e a aparición de novas denuncias contra a xestión da Xunta --os recortes en educación, as deficiencias da atención primaria, etc.-- opacou, nas últimas semanas, a grande mobilización deste 2021 na Comunidade: os eólicos. Para evitar que a problemática caia o esquecemento, a plataforma Petón do Lobo vén de chamar a atención sobre un proceso de avalancha eólica “claramente amañado” que se estaría a acelerar nas últimas xornadas.

Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva
Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva

E é que, en só un mes de 15 días, a Xunta de Galicia viría de aprobar 14 proxectos industriais eólicos sobre os que, a ollos da plataforma, penden múltiples indicios de irregularidade. As denuncias van na mesma liña que as publicadas nos últimos meses: parques que en realidade son só un pero resultan tramitados en distintos fragmentos para que así sexa a Xunta que decide sobre eles, unhas normas autonómicas orientadas a dificultar o control da veciñanza e as asociacións...

Entre os 14 proxectos subliñados pola plataforma, hai un que se define como especialmente “clarificador”, o do Paraño Oeste, situado nos municipios de Forcarei e Beariz. Segundo apuntan nun comunicado, a subestación deste parque tería prevista a conexión con outras seis explotacións máis.  A esta fragmentación --declarada ilegal polo TSXG nun parque de Norvento anos atrás-- úneselle o feito de que as instalacións foron presentadas como proxecto de interese autonómico, iniciativa empresarial prioritaria e cuha declaración de urxencia que permite reducir os prazos da tramitación á metade, o que supón un período de exposición pública de tan só 15 días.

CLÚSTERES APOIADOS POLA XUNTA

Como consecuencia, o control das asociacións veciñais é substantivamente menor, resultado das chamadas ‘leis de depredación’ que a Xunta viría aprobando nos últimos anos en previsión deste novo estalido de proxectos empresariais. Son “proxectos que permiten continuar coa invasión eólica”, detallan dende a plataforma, que non dubida en falar dun “espolio de recursos claramente amañado" entre a Xunta de Galicia e as empresas eólicas.

A suposta connivencia entre administración autonómica e empresas quedaría tamén cristalizado no nacemento de cada vez máis clústeres, como o bendicido polo conselleiro de Economía Francisco Conde semanas atrás. “O plan industrial eólico dun Clúster preséntase a exposición pública en proxectos fragmentados ou independentes co triple obxectivo de aforrar custos, conseguir unha tramitación administrativa simplificada e diluir os impactos ambientais do conxunto do Plan, que por outra banda, ao tratarse precisamente un Plan de desarrollo eólico para o mesmo ámbito xeográfico debera ser sometido a avaliación ambiental estratéxica”, detallan.

O resultado é unha situación de “indefensión para a cidadanía”, á parte da “vulneración” de distintos convenios protectores de paisaxe de acordo coa lei europea. “Na avaliación dos impactos sinérxicos dos distintos proxectos da mesma área xeográfica, as promotoras só escollen un buffer de 5 km aproximadamente, e non realizan unha avaliación total dos impactos”, finalizan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta