A "febre do megawatio": o mercado enerxético galego entra nunha nova fase especulativa

ADEGA denuncia a chegada de empresas pequenas que, previsiblemente, non terán capacidade para levar a cabo os proxectos conseguidos, pero que si poderían mercadear coas licencias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O estalido da crise enerxética que nestes momentos eleva a cifras descoñecidas a factura da luz estase cobrando tamén a súa particular peaxe en Galicia. No caso da Comunidade, a pegada da crecente escaseza de petróleo e gas déixase ver na proliferación de diversos proxectos enerxéticos, tantos que a Xunta tivo que instaurar unha moratoria de ano e medio aos novos parques eólicos, se ben a norma autonómica vén cargada dunha letra pequena que, previsiblemente, non porá fin á 'avalancha' de aeroxeradores.

Encoro no río Verdugo
Encoro no río Verdugo | Fonte: ADEGA.

Esta "febre do megawatio", como a definen dende Adega, estaría entrando nunha nova fase por dúas circunstancias. Primeiro, porque xa non se circunscribe aos eólicos: agora tamén entran en xoga as centrais hidroeléctricas. E, segundo, porque o mercado comeza a dar síntomas de entrar nunha etapa especulativa, como xa aconteceu coa cuestión eólica nos últimos anos da era Fraga.

A denuncia da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza vén dada polos intentos dunha pequena empresa familiar asentada en Córdoba de "furar" o Macizo central para establecer unha central de aproveitamento hidroeléctrico. Segundo apuntan dende a plataforma, o  Ministerio viría de someter a consultas previas para a elaboración do documento de alcance a solicitude da empresa "Santa Eulalia Energía S.L." para construir esta central de bombeo en caverna de 160MW no concello de A Veiga, en pleno Macizo Central.

"Non é o único proxecto de central de bombeo en tramitación: tanto Iberdrola como Naturgy teñen presentado varios megaproxectos no Macizo Central e A Limia para 'aproveitar excedentes de produción de renovábeis non xestionábeis', isto é, acumular a enerxía dos eólicos non colocada no mercado, mais tamén das nucleares", inciden.

ESPECULACIÓN

Porén, a cuestión de interese estaría no pequeno tamaño desta empresa, que podería incapacitala para desenvolver unha obra de tal magnitude. Por iso considera ADEGA que a "febre do megawatio" entra en fase especulativa: o obxectivo non sería xa construír as centrais e aproveitar a enerxía senón mercadear coas licencias. "Agora abonda con fundar unha empresa con 3000€, presentar un proxecto hidroeléctrico para furar o Macizo Central e, de prosperar, facer caixa revendendo a concesión. Total, nesta colonia hai ríos para aburrir!", ironizan.

Dende a plataforma critican asemade que o proxecto estea deseñado sobre zonas incluídas na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 que comezou a tramitar a Xunta no ano 2008, concretamente ao alongamento da ZEC Macizo Central, e que Feijóo deixou en stand by ao chegar á Xunta de Galicia. Do mesmo modo, denuncian que se estea a usar a "excusa" da transición enerxética para "seguir lucrándose" a costa do ambiente, como xa se denunciou nunha multitudinaria manifestación xornadas atrás en Madrid: "Renovables así, non"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A sombra de Teresa Ribera é alongada de carallo... https://cmatv.xunta.gal/seccion-org...