"O Sergas comeza a campaña da gripe sen reforzar a atención primaria", din os médicos de familia

Reclaman unidades para tratar o covid persistente en todas as comunidades autónoma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2021 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

O portavoz da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, o lucense Lorenzo Armenteros, censurou que non se reforzou a atención primaria agora que comeza a campaña de vacinación contra a gripe e que, nalgúns casos, se combinen tamén coa terceira dose da inmunización fronte ao coronavirus. Unha situación que, advertiu, afecta sobre todo o persoal de enfermaría".

"Sempre supón unha sobrecarga xa de seu sobre unha atención primaria que está debilitada, que está cansa e que conta con moitos problemas que son difíciles de solucionar", lamentou. Así, referiuse a a reunión que se celebrou do Consello Interterritorial, que foi "decepcionante" porque "non se sacou nada en conclusión". "Déronse boas intencións pero aprázase todo para o ano 2022, coma se os problemas de atención primaria se puideran aprazar. E son inaprazables e hai que asumilos canto antes", avisou Lorenzo Armenteros.

Sobre a vacinación da gripe acompañada coa terceira dose da vacina contra a covid, o portavoz da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, asegura que "non supón ningún problema".

UNIDADES POSTCOVID

Doutra banda, reivindicou que o "ideal" sería que se contase, a partir de agora, con "unidades específicas de covid persistente", ou cando menos unidades de referencia en cada unha das comunidades autónomas.

Armenteros precisou que a Covid "persistente" afecta a pacientes que, máis aló dos tres meses de sufrir a fase aguda continúan con algún tipo de síntoma de forma permanente e son síntomas que afectan á súa calidade de vida, xeralmente dáse máis entre mulleres.

Son máis de 200 manifestacións, entre as que destaca cansazo, problemas respiratorios, cefaleas, manifestacións osteo-musculares e algo moi característico que é a néboa mental, que "son trastornos de concentración ou de memoria".

"Afecta a un gran número de persoas, ás que lles supón problemas importantes, que aínda non se afrontou porque non hai unidades específicas para eles e porque tamén se descoñece a propia enfermidade, que se pode confundir con outras patoloxías", sinalou.

Dito isto, Armenteros avogou por que "o ideal sería crear unidades para o covid persistente, que cada comunidade conte cunha unidade de referencia e que as unidades post covid creadas en Galicia teñan especial dedicación a estes enfermos", demanda.

Consulta nun centro de atención primaria do Sergas
Consulta nun centro de atención primaria do Sergas | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta