A conselleira de Igualdade condena as palabras do alcalde do PP contra Carmela Silva

Chamou "chacha para todo" á presidenta da Deputación de Pontevedra.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2021 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, condenou as palabras do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, que chamou no ano 2019 "chacha para todo" de Abel Caballero á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; unhas declaracións polas que foi sancionado xudicialmente nunha sentenza emitida en xuño e que foi ratificada recentemente pola Audiencia Provicial de Pontevedra.

A responsable de Igualdade, en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada na sesión plenaria deste mércores pola deputada socialista Noa Díaz, asegurou que a Xunta "condenará sempre" e "co mesmo énfase" os actos ou declaracións machistas "veñan de onde veñan e fágaas quen as faga". "O presidente da Xunta xa condenou estas declaracións, eu só reproduzo a condena do presidente", asegurou a conselleira tras as críticas da parlamentaria socialista, que censurou que a condena do Goberno autonómico polas palabras dun alcalde do PP "cheguen tarde".

"O silencio en todo este tempo denota a aceptación de tales palabras", espetou Díaz, que apelou á Xunta a actuar con maior "dilixencia" en "próximas ocasións". "Condenamos todas as palabras ou actos machistas porque ideológicamente non cremos nelas. Fágaas un presentador de televisión, un alcalde do noso partido ou un presidente da deputación da súa cor política", replicou Lorenzana, nunha alusión ás palabras do socialista José Tomé sobre a forma de vestir da deputada popular Elena Candia.

En concreto, o presidente da Xunta e líder do PPdeG , Alberto Núñez Feijóo, chegou a manifestar que as palabras de Durán sobre Silva non foran "correctas", á vez que puxo o foco en que "se alguén insulta" son "os dirixentes do PSdeG en Pontevedra e Vigo". Feijóo pronunciou estas palabras a mediados do mes de xuño, tras coñecerse a intención de Durán de recorrer a condena, unha apelación desestimada hai semanas. En todo caso, o rexedor arousán quere elevar o recurso ante o Supremo.

Sesión de control no Parlamento de Galicia, no momento no que intervén o portavoz socialista, Gonzalo Caballero, tres días antes das primarias socialistas para renovar a secretaría xeral do partido en Galicia
Sesión de control no Parlamento de Galicia, no momento no que intervén o portavoz socialista, Gonzalo Caballero, tres días antes das primarias socialistas para renovar a secretaría xeral do partido en Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta