A segunda fase da estrada Ferrol-Ortigueira sometida a información pública

A conselleira Ethel Vázquez comentou que traballan "co obxectivo de licitar os traballos de maneira paralela ao fin da obra actual, é dicir, na primavera do ano próximo ano".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2021 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) na súa edición deste mércores, 3 de novembro, somete a información pública a segunda fase da mellora da estrada AC-862 (Ferrol-Mañón), no tramo entre Campo do Hospital, en Cedeira e Ponte Mera, en Ortigueira  cun investimento de 6,8 millóns de euros, que completarán así un investimento global de case 14 millóns cos traballos xa en execución, entre San Sadurniño e Campo do Hospital.

Estas manifestacións realizounas Ethel Vázquez en San Sadurniño, nunha visita realizada este mércores ás obras da primeira fase deste viario, onde estivo acompañada, entre outros, polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, ademais de alcaldes da zona.

Esta integrante do Goberno da Xunta detallou que a segunda fase de mellora desta estrada autonómica, ten previsto actuar nun tramo de algo máis de tres quilómetros e que discorrerá integramente en terreo de Ortigueira.

Neste sentido, comentou que traballan "co obxectivo de licitar os traballos de maneira paralela ao fin da obra actual, é dicir, na primavera do ano próximo ano", unha actuación que ten previsto acometer "a rectificación de curvas, instalación de cunetas de seguridade e a habilitación dun terceiro carril en varios tramos".

EXECUTADO PRIMEIRA FASE

Tras un breve percorrido pola zona de obras, no lugar de Currás, en San Sadurniño, a responsable de Infraestruturas detallou que os traballos, que comezaron a finais do pasado ano, "xa teñen completado un 36% de execución, avanzando a bo ritmo e mantendo o prazo da primavera do próximo ano como finalización" para concluír a dita actuación.

Actualmente acométese o movemento de terras e obras de drenaxe, acometido unha vez pasado o núcleo de San Sadurniño e que chegará ata o Campo do Hospital. "A escavación, o desmonte e o recheo dos terrapléns está practicamente finalizada, os traballos para explanar e nivelar a capa da chaira, como paso previo á execución do firme, atópanse ao 90% e a drenaxe transversal e longitudinal ao 85%", detallou Ethel Vázquez.

Esta actuación abarca case 18 quilómetros para mellorar a seguridade desta estrada, coa rectificación das curvas de radio máis reducido, ademais de habilitar un terceiro carril en case catro quilómetros, cun investimento de case 7,2 millóns de euros.

PETICIÓNS

No marco desta visita, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García (BNG), instou á representante da Xunta a que se habilite unha conexión peonil do centro urbano coa zona de Currás e que se proceda ao ensanche da ponte de Cornide, xa que este paso sobre o Río Xuvia, segundo o rexedor, "non cumpre coas condicións de accesibilidade para persoas en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida".

Por iso, indicou que "para corrixir este problema hai que ampliar a plataforma uns centímetros, darlle máis ancho para que a xente poida cruzar a pé con total seguridade aínda que vaia en cadeira de rodas".

Ethel Vázquez en Marín
Ethel Vázquez en Marín | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta