A causa contra os '19 de Meirás' queda arquivada de forma provisional

Os Franco poderían elevar o fallo ante a Audiencia Provincial, como xa aconteceu con outras causas vencelladas ao Pazo. Aínda así, os encausados por ocupar o Pazo en 2017 celebran a resolución como unha 2vitoria".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2021 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución nº2 de Betanzos vén de decretar o sobresemento provisional e arquivo da causa aberta contra 'os 19 Meirás', as persoas acusadas polos Franco pola ocupación do Pazo situado no Concello de Sada en 2017 como parte dunha acción simbólica. Así o veñen de anunciar os propios acusados, que destacan que a sentencia non é firme, cabendo aínda recurso por parte dos Franco ante a Audiencia Provincial

Unha homenaxe ás vítimas da ditadura franquista no pazo de Meirás, a 7 de outubro de 2021, en Sada, A Coruña, Galicia.. M. Dylan - Europa Press
Unha homenaxe ás vítimas da ditadura franquista no pazo de Meirás, a 7 de outubro de 2021, en Sada, A Coruña, Galicia.. M. Dylan - Europa Press

Aínda así, os 19 subliñan o fallo como unha "vitoria" e destacan, igualmente, que seguen a estar "enormemente orgullosas e orgullosos do que fixemos aquel agosto de 2017 coa ocupación simbólica do Pazo de Meirás", particularmente agora unha vez a devolución do inmoble ao Estado é unha realidade, aínda que os Franco manteñan frontes abertas nos xulgados polos mobles do complexo.

Anxo Louzao, voceiro dos 19 de Meirás, lembraba así o acto: “Aquela mañá de agosto un grupo de galegas e galegos, nacionalistas e democrátas, realizamos esta acción porque entendíamos que as institucións públicas tiñan que actuar para pór fin a máis de 80 anos de ignominia”. “A día de hoxe fica absolutamente demostrado que o pazo foi roubado ao pobo galego e que é absolutamente vergoñento que os herdeiros da ditadura sigan a desfrutar dun patrimonio que foi espoliado co sangue de milleiros de galegas e galegos”, engadiu Louzao.

“Corresponde que unha vez que conclúa o proceso xudicial o Pazo sexa transferido á administración galega e que o destino que se lle dea sexa o de honrar a memoria democrática do pobo galego” reclaman desde as e os 19 de Meirás. Con todo, desde este colectivo sinalan que “é innúmero o patrimonio que foi espoliado ao noso pobo por parte da ditadura franquista e que debe ser devolto”, en palabras do propio, Louzao que sinalou como máximos expoñentes deste espolio, ademais do Pazo de Meirás, a coruñesa Casa Cornide ou as esculturas do Pórtico da Gloria, aínda en litixio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta