PP, BNG e PSOE únense para pedir a intervención de Alcoa por parte do Goberno

Piden unha intervención pública temporal para buscar investidores privados e asegurar o emprego até que se realice a venda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2021 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

O Paramento galego reclamou, por unanimidade, ao Goberno central a intervención pública de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, inicialmente de forma transitoria a través da Sociedade Estatal de Patentes Industriais (SEPI), para asegurar o emprego e facilitar a súa venda a un investidor privado que garanta un proxecto viable.

Forma parte dunha batería de medidas urxentes, que promove o PPdeG nunha proposición non de lei --apoiada por Bloque e PSdeG--, en favor da industria electrointensiva galega para garantir a súa viabilidade. "Non entendemos por que non se adopta a decisión xa de intervención temporal da SEPI", afirmou a deputada popular Elena Candia, pois deixa claro que "hai moitas familias esperando decisións políticas". A isto únese o perigo de "quebras" e "peches" de diversas industrias polo prezo enerxético.

Esta proposta tamén busca incrementar o orzamento destinado a subvencións relativas ao mecanismo de compensación de custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro á contía máxima permitida pola UE (25% dos ingresos obtidos en poxas de CO2), "polo que esta partida podería chegar aos 450 millóns de euros".

Ademais, requírese activar o Fondo Español de Reserva para Garantías de Entidades Electrointensivas para a cobertura dos riscos derivados de operacións de compravenda a medio e longo prazo de subministración de enerxía eléctrica (PPA) entre consumidores de enerxía que teñan a condición de electrointesivos.

Igualmente, úrxese a convocar poxas de electricidade de orixe renovable, así como establecer mecanismos de xestión da demanda que permitan ofrecer flexibilidade ao sistema eléctrico.

APOIO DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, Ramón Fernández Alfonzo (BNG) pide ao Goberno central medidas con "urxencia" debido a que o risco no que están as electrointensivas "é grave e inminente", pero tamén empraza á Xunta a que cumpra coas súas competencias e poña en marcha unha empresa publica de enerxía e unha tarifa pública galega.

Noelia Otero (PSdeG) defendeu que o Goberno central xa puxo "en marcha" varios mecanismos que reclaman os populares, polo que acusa ao PPdeG de buscar "confrontación política". No tocante a Alcoa, Otero deixa claro que: "Se non hai outra vía para manter os postos de traballo, votaremos a favor dunha intervención temporal por parte da SEPI". Iso si, destaca a "mala fe" da empresa, que queda referendada polo Tribunal Supremo.

O presidente do Comité de Empresa de Alcoa, José Antonio Zan, durante unha manifestación polo futuro industrial da Mariña, a 17 de outubro de 2021, en Viveiro, Lugo / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
O presidente do Comité de Empresa de Alcoa, José Antonio Zan, durante unha manifestación polo futuro industrial da Mariña, a 17 de outubro de 2021, en Viveiro, Lugo / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta