A Cámara insta á Xunta a erradicar a LGBTfobia no Sergas

A iniciativa defendida polo BNG reclama, entre outras cousas, "revisar os plans de saúde aprobados dentro do Sergas, dotándoos dunha perspectiva de xénero e diversidade sexual".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2021 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

O Parlamento galego insta á Xunta a realizar "todas as actuacións oportunas para garantir a erradicación da LGBTfobia en todas as súas formas" dentro do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Así se recolle nunha proposición non de lei defendida polo BNG na Comisión 5ª este xoves, aprobada por unanimidade co respaldo de PP e PSdeG, sobre as medidas que debe adoptar a Xunta para a eliminación de prexuízos e condutas LGBTfóbicas no ámbito sanitario.

En concreto, o texto aprobado, sen modificacións, insta, por unha banda, á Xunta a "realizar plans de formación máis exhaustivos e atendendo á realidade do colectivo LGBT para todas as categorías profesionais dentro do Sergas, garantindo unha información rigorosa e libre de prexuízos".

Ademais, a iniciativa defendida polo BNG reclama "revisar os plans de saúde aprobados dentro do Sergas, dotándoos dunha perspectiva de xénero e diversidade sexual". Neste sentido, defende "eliminar as asociacións entre LGBT e ITS" e "corrixir a clasificación de colectivos de risco cando deberán ser clasificadas as prácticas de risco".

No seu terceiro punto, aposta por "realizar campañas divulgativas de educación sexual, sobre todo entre a mocidade, desde unha perspectiva inclusiva e non estigmatizante, que promovan unha mellora na saúde sexual da poboación lonxe de prexuízos e moralismos". Finalmente, a proposición non de lei demanda "realizar todas as actuacións oportunas para garantir a erradicación da LGBTfobia en todas as súas formas dentro do Sergas, prestando atención ás denuncias do colectivo trans".

Respecto diso, a portavoz de LGBTI e atención hospitalaria do BNG, Iria Carreira, defendeu na comisión "unha atención sanitaria sen prexuízos e discriminación" para o colectivo LGBT. A parlamentaria explicou que cando unha persoa trans acode a unha consulta tras cambiar de nome, "en moitas ocasións o novo nome, ratificado no Rexistro Civil, non aparece na historia clínica do Sergas de maneira inmediata".

Por iso, considera que "un ou unha profesional que recibe unha persoa trans pregúntelle 'como queres que te chame' favorece que a consulta sexa unha espazo cómodo e seguro".

Mocidade sostén a bandeira LGBTI nunha manifestación, en imaxe de arquivo. Jorge Gil - Europa Press
Mocidade sostén a bandeira LGBTI nunha manifestación, en imaxe de arquivo. Jorge Gil - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta