Suspendido o xuízo contra o 'rei das orquestras' polo seu estado de saúde

O acusado presentou un informe forense que sinala que "non está en condicións" de asistir á vista.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 15/11/2021 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra suspendeu o xuízo previsto para este xoves contra Ángel Martínez Pérez, Lito, coñecido como 'o rei das orquestras en Galicia', acusado de defraudación tributaria, polo seu estado de saúde.

Declaración de Lito, o 'rei das orquestras'. EUROPA PRESS - Arquivo
Declaración de Lito, o 'rei das orquestras'. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Fontes xudiciais detallaron que o tribunal decidiu suspender a vista debido a que o acusado remitiu "un informe forense conforme non está en condicións de asistir". Polo momento, non se sinalou unha nova data para este xuízo e o xoves celebrarase unha vista por un delito contra a saúde pública no seu lugar.

Recentemente, o pasado mes de xuño, o coñecido como 'o rei das orquestras en Galicia' xa foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra a dous anos e tres meses de cárcere por non declarar 326.374 euros correspondentes ao IVE dos anos 2011 e 2012, cando a compañía que presidía tivo uns ingresos de máis de 2,5 millóns.

Mentres, o xuízo que se suspendeu enmárcase nun novo procedemento relacionado co pago de impostos por parte de 'Lito' como particular.

A este respecto, o Ministerio Público recolle no seu escrito de acusación que o procesado "é o artífice e o responsable da creación" dun conxunto de empresas "cunha facturación anual aproximada de 25 millóns de euros que opera no sector das actividades de produción musical e de representación artística". Así, explica que a diferenza entre as cantidades facturadas e declaradas entre 2009 e 2012 situouse ao redor dos 92 millóns de euros.

Así mesmo, afirma que o acusado "non efectuou ingresos polo concepto do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF)" por valor de 1,9 millóns de euros entre 2009 e 2012. Mentres, cifra a cantidade non abonada polo Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) polos rendementos das actividades económicas das orquestras da súa propiedade exclusiva entre 2010 e 2012 en 1,8 millóns de euros.

Adicionalmente, sinala que a cantidade non ingresada polo 'rei das orquestras' na Facenda Pública Estatal no concepto das Retencións a Conta do IRPF polos rendementos de traballo persoal e de actividades profesionais entre 2010 e 2012 ascendeu a case 636.000 euros.

A Fiscalía considera ao acusado autor de dez delitos fiscais, entre eles dous delitos agravados contra a Facenda Pública dado o valor da defraudación, superior a 600.000 euros en ambos os casos. Estes delitos refírense a cotas tributarias defraudadas entre 2009 e 2012 no IRPF, o IVE e o concepto fiscal de Retencións sobre os Rendementos do Traballo Persoal e das Actividades Profesionais.

Por iso, pide que Martínez Pérez sexa condenado a penas que suman 35 anos de prisión e que abone unha multa de 13 millóns de euros, así como que se lle impoña a perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas e do dereito a gozar de beneficios ou de incentivos fiscais ou da Seguridade Social durante un período de 34 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta