Mozos esixen aos partidos no Parlamento galego "políticas decididas" para frear o cambio climático

A Cámara galega acolleu o IX Foro de Participación Infantil.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/11/2021 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

Mozos de 10 consellos locais de participación de concellos galegos ocuparon os escanos do Parlamento de Galicia durante o IX Foro de Participación Infantil para demandar "políticas decididas" para frear o cambio climático, ademais de melloras no ámbito da mobilidade, entre outras cuestións.

Mozos e representantes institucionais con motivo do IX Foro Infantil Unicef-Parlamento de Galicia.
Mozos e representantes institucionais con motivo do IX Foro Infantil Unicef-Parlamento de Galicia. | Fonte: Unicef.

Estas propostas, que se recollen no 'Manifesto pola nosa terra', son as conclusións alcanzadas polos 35 participantes no II Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente, celebrado os pasados 22 e 23 de outubro.

Os mozos recriminaron aos políticos falta de actuacións para frear o cambio climático e reclamaron actuacións a este respecto. "Algo máis pódese facer", expuxo un dos participantes, que pediu medidas concretas, como fixeron os demais. Entre as súas propostas, mellorar o transporte públlico no rural, promover campañas de concienciación ou penalizar as empresas que máis contaminen.

Ao termo das súas intervencións, que agradeceron as deputadas presentes por parte do PP, BNG e PSdeG, o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, subliñou a importancia das propostas expostas.

Tamén destacou a "soltura" dos participantes, malia a curta idade dalgúns deles, de 10 anos. Así mesmo, resaltou o "exemplo" dado polos nenos e nenas e os mozos durante a pandemia. Santalices aproveitou tamén para remarcar as canles de participación cidadá do Parlamento galego.

Pola súa banda, a presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito, apelou a dar a esta colectivo "voz" e incidiu na importancia de xerar espazos de diálogo, así como fomentar a educación e a concienciación nas cuestións vinculadas coa protección do medioambiente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta