Turismo e deporte: binomio para vender Galicia como destino activo

'Sportur Galicia' abriu as portas da súa cuarta edición este venres 19 de novembro en Expourense. O obxectivo é vender Galicia como un destino activo, sostible, de calidade e seguro e tamén para posionar ao turismo activo como un sector en crecemento.

Por X.M. Fernández | Ourense | 20/11/2021 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

Sportur Galicia ofrece, actividades ao aire libre respectuosas coa natureza e con aloxamentos rurais en lugares desmasificados. A demanda de turismo activo medrou en España un 40% no último ano e Galicia cumpre os requisitos para liderar tamén a oferta neste sector, habiendo xa na nosa comunidade máis de 60 empresas que se dedican en exclusiva a organizar estancias e actividades vencelladas co turismo deportivo.

Presentación de 'Sportur'. Foto: Prensa Expourense
Presentación de 'Sportur'. Foto: Prensa Expourense

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, comentou durante o acto inaugural desta cita que “na actualidade, a fórmula que combina turismo e deporte estase a constituír como un dos atractivos máis importantes na nova oferta turística, xa que é un mercado en expansión e ofrece grandes beneficios económicos a nivel local, autonómico e nacional”. Tamén explicou que “o turismo activo encaixa perfectamente no modelo de turismo seguro, de calidade e sostible polo que aposta a Xunta a través do Plan Galicia Destino Seguro 2021 – 2023. O reforzo de Galicia como destino seguro e de calidade foi precisamente o que permitiu que a provincia de Ourense no acumulado do ano ata setembro recibira 216.604 viaxeiros. E nos meses de xullo e agosto, Ourense cidade recuperou o 96% da súa demanda turística hoteleira”

Sportur Galicia 2021 reúne en Ourense a unha trintena de expositores entre os que se atopan federacións e clubes deportivos de Galicia e destinos de turismo activo e vencellados coa natureza. Esta cita contacon tres eixos: á área expositiva; a área formativa que inclúe as xornadas técnicas profesionais e a área deportiva. Esta última inclúe campionatos e exhibicións nas que se usará tamén a pista de atletismo cuberta instalada no recinto, unha das mellores de Europa e unha das 30 existentes no Mundo, e na que se compatibiliza unha vez máis o uso deportivo co uso feiral dentro dun dos eventos organizados por Expourense.

Sportur Galicia, última cita do calendario feiral de Expourense para o 2021, serve precisamente de ponte entre a actividade feiral e a actividade deportiva quese estreará a vindeira fin de semana, do 26 ó 28 de novembro, coa celebración do XXXII Campionato de España de Atletismo Master en Pista Cuberta. A pista de Expourense xa está instalada para esta tempada 2021/2022. Esa primeira mañá de Sportur Galicia foi probada xa por máis de 250 escolares de Primaria dunha ducia de centros da capital ourensá que realizaron distintas probas na pista convocados pola Federación galega de Atletismo e o programa “Xogando ao Atletismo”.

CENTRO DE NEGOCIOS E XORNADAS TÉCNICAS

A cuarta edición de Sportur Galicia reforzou a súa compoñente profesional para posicionase tamén como centro de negocios a través de acción como o 4º Workshop de Turismo Activo de Galicia no que están a participar 4 maioristas de viaxes especializados neste sector procedentes de España e Portugal e que están a manter reunións B2B cos representantes de destinos de turismo activo presentes no salón como o Concello de Viveiro, Castrelo de Miño, Trives, A Arnoia, O Pereiro de Aguiar, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e as empresas do sector turístico e hoteleiro convidadas a participar neste workshop pola Axencia de Turismo de Galicia.

Sportur Galicia é un evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) para que poidan coñecer os servizos, produtos e opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén é nun bo escaparate para as federacións deportivas que aproveitan a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos, campionatos e clases abertas para os visitantes.

Sportur Galicia 2021 conxuga turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables a través tanto do programa de xornadas técnicas dirixidas a profesionais como do programa de actividades, dirixido ao público xeral. As xornadas técnicas profesionais inclúen unha quincena de ponencias nas que se analizará a actualidade do turismo deportivo en Galicia dende as xeralidades ata casos concretos. 

ORGANIZACIÓN

Sportur Galicia 2021 está organizado por Expourense co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte e da Axencia de Turismo de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense e coa colaboración do Concello de Ourense a través da Concellería de Xuventude. Esta cita celebrarase venres e sábado, o que facilitou ademais a presenza de estudantes de Formación Profesional de Galicia que asistiron as xornadas técnicas profesionais.

A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfís en Facebook e Twitter. O horario de feira será o mañá sábado 20 de novembro de 10.30 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 h. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta