A Xunta manobra para que a nova lei de educación teña "o menor impacto posible" en Galicia

O goberno galego xa se manifestou en contra da reforma que elimina os exames de recuperación na ESO.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2021 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, iniciará este luns unha rolda de contactos cos principais membros do sistema educativo "para ofrecer certezas e buscar solucións tras a decisión unilateral" do Goberno central de eliminar os exames de recuperación de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e cambiar os criterios de avaliación e promoción.

O titular de Educación anunciou este domingo nunha entrevista concedida na Radio Galega e recollida por Europa Press, que se reunirá coa Xunta Autonómica de Directores e, proximamente, convocaranse encontros con representantes sindicais, asociacións de nais e pais e o Comité Educativo, entre outros.

"O obxectivo é compartir a situación cos axentes escolares para ter a súa visión e acordar que esta adaptación teña o menor impacto posible nun sistema educativo que, nos últimos anos, destacou nas variables de calidade, equidade, creación de igualdade de oportunidades e en capacidade para educar en valores", explicou Rodríguez.

Neste sentido, o conselleiro defendeu que "o progresivo avance da educación en Galicia ten que seguir". "Non se pode xestionar con criterios a curto prazo nin oportunistas. Xogámonos o futuro do país", asegurou. Ademais, instou ao Goberno a "respectar o marco competencial", xa que "a educación é unha competencia das comunidades autónomas, por iso é polo que non se poida facer unha transposición acrítica do real decreto do Ministerio".

Para Román Rodríguez, a decisión do Executivo terá un "forte impacto" na comunidade educativa, cunha "terceira rectificación en semanas, amparada nun informe non vinculante". "É algo sen sentido, que provoca a improvisación e o caos. Comezamos o curso cunhas regras e a metade de curso, cambian", criticou.

"Temos que dar certezas para que o sistema educativo non estea tan convulso. Non se poden tomar medidas arbitrarias como fai o Goberno de España e xerar inseguridade xurídica", pediu Román Rodríguez. É por este motivo que Educación estuda o decreto no ámbito xurídico e, doutra banda, de organización.

O Real Decreto, tal e como recalcou o conselleiro, "afecta á organización do curso, a como se examinan os alumnos e aos requisitos para que poidan ou non pasar de curso; en definitiva, á estrutura do calendario xa planificado".

PREOCUPACIÓN POLOS PRAZOS

Máis aló de todo, para o titular de Educación a nova norma provoca un "descrédito". "É unha desvalorización da función social da educación, que ademais prexudica aos alumnos menos desfavorecidos e reduce a igualdade de oportunidades", sinalou. Román Rodríguez tamén se mostrou preocupado polos prazos dos currículos da nova lei, posto que tras a súa aprobación e publicación definitiva, as comunidades deben activar a tramitación lexislativa dos decretos autonómicos, "trámites que teñen uns prazos mínimos que non se poden alterar".

A isto, lembra, hai que sumar a elaboración de novos materiais didácticos por parte das editoriais ou a formación do profesorado. "Se o Ministerio non cumpre o seu parte antes de final de ano, podemos atoparnos cunha situación moi problemática a principios do próximo curso". Sobre isto, lembrou que Galicia xa traballa na elaboración da parte dos currículos que lle corresponde mediante os máis de 130 profesionais que integran os 27 grupos de traballo da Xunta.

Estudantes en exames de oposicións. XUNTA
Estudantes en exames de oposicións. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta