Así lideraban as mulleres galegas os motíns populares de finais do XIX

Armadas con paus e pedras, as mulleres de moitas vilas da Galicia decimonónica iniciaron mobilizacións que rachan co seu papel de espectador calado na historia contemporánea do país. Así o recolle Herminia Pernas nun volume colectivo editado por Xerais que lanza conclusións reveladoras sobre o pasado galego e a súa historia de constante loita social.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Mireinos con calma, i as mans estendidas,

Mulleres galegas camiño dunha feira
Mulleres galegas camiño dunha feira | Fonte: Ruth Matilda Anderson

dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sen vida.

I ó lado, contenta, senteime das vítimas,

tranquila, esperando pola alba do día.

 

I estonces… estonces, cumpreuse a xusticia:

Imaxe dun motín a comezos do século XIX na Coruña
Imaxe dun motín a comezos do século XIX na Coruña | Fonte: Arquivo da Emigración Galega

eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

En 1880 Rosalía de Castro publicou Follas Novas, a súa última obra poética en galego. Nela ía inscrito o mítico poema 'A xustiza pola man': un relato de redención en primeira persoa, no que unha muller aldraxada se vinga dos seus agresores fouce en man. 141 anos máis tarde, a obra permanece como un lugar común do imaxinario cultural galego, pero tamén para dar fe dunha dinámica pouco coñecida na historia do noso rural: o papel da muller como precursora de múltiples mobilizacións ante as inxustizas. 

Precisamente, A Xustiza pola man foi o título escollido por Francisco Jorge Leira Castiñeira e Miguel Cabo Villaverde para lanzar un ensaio sobre o papel da violencia e o conflito na Galicia dos últimos 200 anos. A obra mergúllase nas dinámicas de protesta e loita social da idade contemporánea con 13 artigos de autores diversos. Estes, a modo de pequenas teselas, van conformando un gran mosaico do que xermolan conclusións sorprendentes. Por exemplo, que a sociedade galega era relativamente menos conflitiva que o resto do Estado, e que as mulleres contaron cun papel central en moitas das protestas de finais do século XIX e principios do XX. 

Sempre se adoita referir, neste aspecto, a revolta das cigarreiras da Coruña de 1857, que abriría a porta a novas folgas na cidade herculina e o resto do país en anos sucesivos. Pero o papel central das mulleres estivo, sobre todo, nos chamados motíns de subsistencia: aquelas mobilizacións --en algunhas ocasións violentas-- que xurdían fronte á escaseza de víveres básicos, o incremento no seu prezo ou a entrada en vigor de novos impostos.

CANDO AS MULLERES DE CERVO TOMARON O CONCELLO

Así o reflicte a historiadora burelá Herminia Pernas no volume colectivo que veñen de sacar do prelo Leira Castiñeira e Miguel Cabo da man de Xerais. A doutora en Historia pola USC dá conta de como a "efervescencia nos ánimos" adoitaba manifestarse primeiramente nas mulleres, sendo tamén as primeiras en concentrarse fronte a edificios chave nas vilas --o Concello, a panadería, etc.-- nunhas mobilizacións ás que logo se sumaban os homes.

Porén, e en moitas ocasións, as mulleres da época tampouco tiveron reparo en exercer accións violentas contra a inxustiza no momento. Un dos casos máis rechamantes entre os recollidos por Pernas é o motín do 23 de agosto de 1892 en Cervo, no que un “amotinamento” de 300 mulleres desatou o caos no edificio do Concello para protestar contra o imposto de consumos. 

Como relata a historiadora, as mulleres da vila, armadas con paus e pedras, sorprenderon ao alcalde e o seu secretario ás portas do edificio do concello. Entón sucedeuse unha choiva de golpes que, como relata un cronista da época, "seguramente" tería rematado coa morte do alcalde de non intervir "algunhas persoas na súa salvación".

As mulleres non se detiveron coa chegada da Garda Civil, que conseguiu acceder ao interior do consistorio xunto co secretario do alcalde. En pouco tempo, lograron botar a porta do edificio abaixo, obrigando a axentes e responsables públicos a fuxir por unha xanela e “atravesar el río bajo una lluvia de piedras”. Xa dentro do Concello, relata a autora, “as mulleres apoderáronse de todos os papeis que atoparon, rompéndoos e tirándoos polas ventás. Acto seguido, as amotinadas apedraron a casa do secretario do Concello, á que lle romperon algúns cristais; dirixíronse logo á casa do secretario do xulgado e causaron nesta estragos de consideración”.

Finalmente, o consistorio tivo que pedir reforzos a Lugo para deter un amotinamento que caeu abaixo sen máis derramamento de sangue nin “un só tiro” disparado. O 25 de agosto chegaron as detencións: cinco mulleres e dous homes. O episodio de Cervo é representativo dunha dinámica que se espallou polas catro provincias galegas nas décadas do cambio de século. A historiografía dá conta tamén do caso das leiteiras da Coruña que se negaron a pagar o imposto de consumos e queimaron varias casetas de fielatos --nas que se cobraban os tributos-- cunhas revoltas que remataron con mortos e feridos. Tamén queda para a memoria o suceso de Pontevedra no que peixeiras e leiteiras “derrubaron e saquearon casetas de fielatos, apedraron as casas das autoridades municipais e se manifestaron 'tumultuosamente' polas rúas”, como recolle Pernas. 

 

MERCADOS E LAVADOIROS

O papel de primeira liña que adoitaban desempeñar as mulleres neste tipo de motíns de mobilizacións viña determinado polo seu control da economía familiar. Estaban ao tanto dos prezos no mercado, e polo tanto, non tardaban en advertir advertir as crises alimentarias e as subas de prezos. "Realmente coñecían á perfección cales eran os problemas que atinxían á familia e, nun entendemento máis amplo, á sociedade”, apunta Leira Castiñeira. 

O diagnóstico era levado á acción con contundencia porque, de acordo con Herminia Pernas, as mulleres contaban con trato diario entre si "na rúa, no lavadoiro, na praza e no mercado"; un contacto lles confire a cohesión necesaria "para defenderen publicamente os seus dereitos”. Miguel Cabo engade outra explicación ao papel feminino nas protestas: "existía a sensación de que a participación das mulleres facía menos probable que a represión fose violenta. No sentido de que había un certo reparo, que non sempre funcionaba, a abrir fogo sobre unha multitude encabeza por mulleres. Aproveitaban os tópicos da muller despolitizada e racional", conclúe.

A obra coordinada por Leira Castiñeira e Cabo Villaverde abrangue un estudo da violencia e o conflito na sociedade galega moito máis alá do papel das mulleres, analizando o traxecto dende estes primeiros motíns ata a presenza dos Grapo, os tópicos do movemento agrarista --que non era tan violento como se pintaba--  e o complexo papel do movemento obreiro na Comunidade galega.

GALICIA, MENOS CONFLITIVA

En todos estes textos, asinados por estudosos como Xosé Ramón Veiga Alonso, Ramón Villares e Ana Cabana Iglesia, entre outros-- latexa unha conclusión central: que a sociedade galega, en termos relativos, daba menos mostras de conflitividade que a do resto do Estado. Enrique Carballo, outro dos autores da obra, recolle algunhas explicacións dubidosas que se deron, xa no século XIX á peculiaridade galega: o tamaño do cranio, a alta humidade no ambiente, etc.

Hoxe, os historiadores apuntan a varios factores como orixe desta menos propensión ao crime, que cristaliza nun menor número de denuncias. É posible, por unha banda, que a tardía implantación do Estado en Galicia non dera pé a a acudir ás autoridades. Pero Cabo, en consonancia con Gende, lanza outro elemento como motor do cuestión: a organización social da parroquia. 

Para o doutor da USC, a distribución do rural galego nestes núcleos de poboación levaba a unha certa "autorregulación" que incidía tanto na resolución dos crimes como á hora de desincentivalos. Por unha banda, estaría o papel das "autosancións" no marco da parroquia, pero tamén a estreita interdependencia entre os seus membros e os lazos de solidariedade que xurdían entre eles. "Desincentivaba condutas como o furto", incide Cabo: "por que roubar a un veciño que logo che pode botar unha man?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Hoxe nos mercados non queda ninguén, mulleres i homes fan a compra por Internet e pagan con tarxetas de crédito aproveitando ofertas e Black Fridais variados, o contacto entre veciños é cada día máis raro, e xa non temos fouces afiadas para tomarnos a xustiza pola man... Hoxe facemos ringleiras para recibir polo gratis nas Praza da Peregrina en Pontevedra ! Os mercados os levamos dentro da cabeza e cada día estamos máis expostos á ruína económica, mentras enchemos as rúas de cor violeta ! Mulleres coma aquelas xa non quedan no noso mundo...