O BNG alerta do "grave impacto" da eólica mariña na pesca e acusa á Xunta de falta de "transparencia"

Insiste na necesidade de declarar a costa galega como espazo non apto para a instalación de parques eólicos mariños.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2021 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

O BNG alertou do "grave impacto" que teñen os parques eólicos mariños na actividade pesqueira e denunciou o "escurantismo" e a "falta de transparencia" da Xunta na tramitación dos proxectos. Así o aseguraron a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o deputado autonómico Daniel Castro durante unhas xornadas de pesca celebradas en Celeiro, en Viveiro.

"Estamos ante un goberno que nin explica a que vai dedicar os fondos europeos nin que pasos está a dar sobre a tramitación dos proxectos da eólica mariña", sinalou Miranda.

O BNG defende a necesidade de declarar a costa galega como espazo non apto para a instalación de parques eólicos mariños, tal e como indicou Daniel Castro, que sinala o impacto que terían nas áreas delimitadas polos aeroxeradores como nos fondos mariños afectados o trazado do cableado ata a costa.

Neste sentido, a portavoz do BNG en Europa indicou que as instalacións eólicas mariñas afectarían á actividade acuícola de Galicia para a cría, cultivo e recollida de peixes, crustáceos, moluscos e algas, así como con respecto ao tráfico comercial que suporta a costa galega.

"Como pensa o Goberno galego solucionar o problema de seguridade que suporía a instalación dos parques mariños?", preguntou Miranda no transcurso das xornadas, ás que asistiu xunto a responsables do Bloque comarcal.

"É tremendamente curioso que o Goberno galego non explique como pensa articular a instalación da eólica mariña mentres Iberdrola xa solicitou a instalación de dous parques, un na Mariña e outro en Ortegal", sostén o parlamentario do Bloque, que se pregunta que sabe esta empresa que o cidadán non coñece.

Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A
Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A | Fonte: Windplus

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta