Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2021 | Actualizada ás 22:00
“Hai unha ameaza moi forte dentro do xornalismo, que ás veces chega de forma sutil pero que cala moitísimo na sociedade: son os bulos e desinformacións que alimentan o negacionismo da violencia de xénero”. Ana Bernal-Triviño (Málaga, 1980), xornalista, investigadora e profesora na Universitat Oberta de Catalunya (UOC), recoñece que non ten unha visión optimista de cara ao futuro. Ela é autora, entre outros, do libro No manipuléis el feminismo: una defensa contra los bulos machistas (Planeta, 2019) e do recén saído do forno Las mujeres de Federico (Lunwerg, 2021). As súas intervencións en calidade de experta sobre mediáticos casos de violencia machista como os de Rocío Carrasco ou Juana Rivas fan de Ana Bernal unha das profesionais máis coñecidas e recoñecidas neste ámbito.
Este venres, 26 de novembro, achegouse a Santiago de Compostela para ofrecer unha conferencia no marco do III Congreso ‘Medios de Comunicación e Igualdade’ organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG); e aproveitando a súa fugaz visita á cidade, conversamos con ela sobre xornalismo, feminismo e mitos do patriarcado que se seguen reproducindo con total normalidade.
Vimos de pasar un novo 25N, unha xornada que tes comentado que che provoca unha sensación estraña e incómoda porque ao día seguinte todo segue coma sempre. Hai máis hipocrisía que compromiso real neste tema?
Os ‘días de’ convértense en días de bastante postureo, sobre todo por parte de representantes de institucións e determinadas empresas que intentan apropiarse do valor que representa o feminismo para asemellalo á imaxe e á marca. A realidade de calquera nai que está asustada porque ten que levar os seus fillos canda o pai - recordemos que hai moitas mulleres vítimas de violencia de xénero que non denuncian pero sepáranse, e daquela o réxime de visitas mantense - contrasta moito con mensaxes políticas que acaban sendo baleiras e non contan a verdade ás vítimas. Escoito moitos lemas feministas en responsables políticos que á hora de actuar non están á altura.
Estamos moi rodeadas dun feminismo ‘light’?
Un montón. Moitísimo. E é por falta de coñecemento. Hai un feminismo que está moi asentado respecto de dereitos que xa están consolidados. En canto formulas temas da axenda feminista mundial como o aborto, a prostitución, a explotación sexual ou os ventres de alquiler, nesa parte do feminismo máis light incluso se produce unha reacción e unha incomodidade. Crearon un feminismo á súa medida e intereses; e é perigoso porque terminan por provocar un desaxuste e unha desorientación incluso sobre o que é o propio feminismo.
NEGACIONISMO DA VIOLENCIA MACHISTA
"O negacionismo e o machismo son moi hábiles, capaces de disfrazarse de movemento de igualdade"
Os últimos datos do Barómetro ‘Juventud y Género’ son pouco esperanzadores. Cada vez máis mozos homes pensan que a violencia machista non existe ou que é un “invento ideolóxico”. En que medida isto é resultado de que o discurso da extrema dereita entrara nas institucións?
É evidente que ese resultado non é baladí. Ninguén nace machista, creamos unha xuventude machista, o que significa que segue habendo fallos de sistema e fallos na comunicación. O negacionismo da violencia de xénero ten hoxe un micrófono nos parlamentos, e iso consolida e estrutura unha liña de pensamento. Ademais, o negacionismo e o machismo son moi hábiles, capaces de disfrazarse de movemento de igualdade. Camúflanse, son moi camaleónicos.
Eses datos do barómetro sobre o negacionismo nos xóvenes deben facernos reflexionar tamén noutro sentido, porque se refire a rapaces de entre 15 e 29 anos; e con 29 perfectamente podes ter fillos e familia. Se negas a violencia de xénero, podes estala exercendo. Estes homes téñena absolutamente normalizada e pensan que é o correcto nas relacións, están en contra do feminismo e incluso creron que o feminismo está en contra dos homes. É un tema de presente e de futuro.
Este avance patriarcal dáse tamén dentro dos discursos progresistas?
En certa maneira si. Non coñecer de que vai a axenda feminista non só en España senón tamén a nivel mundial fai que ás veces desde a esquerda tamén se lancen mensaxes do estilo de que a prostitución reforza as mulleres ou que o velo empodera, mentres moitas son encarceradas e illadas por quitar o velo en países de Oriente Próximo. Hai un discurso ‘buenista’ que contamina e dana a axenda feminista.
"Arrastro a sensación de que a sociedade non sabe de violencia de xénero, e o documental de Rocío Carrasco confirmoumo"
A conferencia que vés de dar leva por nome ‘O xornalismo fronte ao negacionismo da violencia de xénero’. Que responsabilidade temos os medios de comunicación na normalización destas violencias?
Hai unha ameaza moi forte dentro do xornalismo, que ás veces chega de forma sutil pero que cala moitísimo na sociedade, e son os bulos e desinformacións que alimentan o negacionismo da violencia de xénero. É moi complicado crear conciencia social cando a mensaxe non está asumida por parte dos propios medios. Arrastro a sensación -e o documental de Rocío confirmouma- de que a sociedade non sabe de violencia de xénero. Se soubese, o programa de Rocío Carrasco non sería tan polémico e habería unha comprensión inmediata do que esa muller estaba relatando. A raíz do seu caso os medios comezaron a facer reportaxes sobre luz de gas, violencia vicaria… coma se todas esas formas de violencia fosen unha novidade. Iso demostra que levabamos moito tempo falando sen que nos escoitaran.
En que adoita fallarse?
De entre todas as malas prácticas, eu creo que hai unha que é a máis perversa e ten que ver co xornalismo declarativo. Situar entre comiñas determinadas declaracións sen contextualizar é unha gota que vai caendo a diario e acaba estruturando parte do pensamento. No xornalismo actual adoita haber falta de pedagoxía e de formación en xénero, e un exceso de seguir tratando a violencia de xénero como suceso. Necesitamos que se verbalice como un delito público. O suceso illa e non permite que tomemos conciencia de que é un problema social e estrutural.
"Os bulos e desinformacións retiran apoio social ás vítimas, fan que a opinión pública se sitúe en contra ou na indiferenza"
Tamén damos pouca información sobre a evolución das vítimas. Sabemos o que ocorrre coas vítimas de terrorismo anos despois, pero nada sabemos das mulleres agredidas e dos entornos das mulleres asasinadas. Como se recompón a familia?, porque a violencia de xénero non remata no asasinato, senón que segue condicionando a vida de todo o entorno familiar. Non sabelo fai que non teñamos conciencia das súas graves repercusións. Creo que temos unha tarefa enorme para tentar corrixir esta tendencia negacionista que vén forte, porque as desinformacións e os bulos retiran apoio social ás vítimas; fan que a opinión pública se sitúe en contra ou na indiferenza. E a indiferenza lexitima o machismo, dálle ás.
A PERSISTENCIA DOS MITOS MACHISTAS
Unha das maiores teimas de Ana Bernal-Triviño está na subsistencia de mitos patriarcais que se seguen reproducindo desde medios de comunicación. Ir á súa raíz dá perspectiva da gravidade do asunto: “O patriarcado nace coa creación dos Estados modernos porque as tribus tiñan que garantir as dinastías. Entón escravizaban as mulleres na súa función sexual e reprodutiva. Para sometelas, establecéronse mecanismos de violencia, desde as cazas de bruxas ata a instauración do matrimonio para consolidar o papel da ‘boa muller'. Todo isto é importante porque a día de hoxe os mitos patriarcais da boa ou mala muller, boa ou mala esposa, boa ou mala nai, seguen inundando a prensa e as tertulias. Só hai que ver o tratamento dos casos de Juana Rivas ou Rocío Carrasco. Representan todos os mitos que naceron aí”.
Mitos que, ademais, alimentan os propios bulos e desinformacións sobre o feminismo e as violencias machistas que na actualidade corren como a pólvora a través das redes sociais. No libro No manipuléis el feminismo, a xornalista recompila máis de 50 bulos. 30 deles foron expresados en mitins e actos das dúas últimas campañas electorais a nivel estatal. “Non somos conscientes da cantidade de bulos machistas que nos rodean a diario. España é o país de Europa que máis noticias falsas recibe. Isto evidencia unha falta de educación mediática grandísima que arrastramos desde hai moito tempo”, advirte a xornalista. “Que sociedade democrática se pode crear neste contexto? O bulo viralízase rápido e a verdade ocupa un segundo lugar cando a mentira, que é un pensamento machista automático, se volve protagonista”, sinala.
Ana Bernal-Triviño pon igualmente o foco nas repercusións destas desinformacións en concreto na xente moza, que, segundo di, “moita dela estase educando nunhas redes sociais onde hai referentes que lanzan a diario vídeos breves e directos con mensaxes brutais e misóxinas”. Por iso, sentenza: “Ou enfocamos a mirada dos medios na xuventude ou o negacionismo e o machismo comerannos terreo”. Bernal aposta, en paralelo, por "sancionar" os contidos misóxinos na prensa e nas canles de televisión, porque "cando só depende da vontade, o código ético non se cumpre".
Dise que estamos nun momento de moita polarización política, mediática… E neste contexto hai xente que decide situarse na equidistancia ou nun suposto “centro”. É perigoso este posicionamento?
A equidistancia é o peor que nos pode acontecer. A violencia de xénero afecta o conxunto da sociedade, non só a quen a sofre de forma directa. Hai incluso un custe económico moi grande en intentar paliar esa dor que xera. Se saísemos desa indiferenza para dar un paso adiante e exercésemos un compromiso auténtico, teriamos entornos máis sanos, estariamos educando con perspectiva ética as xeracións futuras e a democracia estaría garantida. Pero non estamos indo nesa dirección. O supremacismo machista ten moito poder, está financiado por partidos políticos e está moi estruturado e máis unido ca nós, que debatemos diferenzas e nos enfrontamos. Eles non se enfrontan: teñen unha mensaxe universal.
"O supremacismo machista ten moito poder, é financiado por partidos políticos e está máis unido ca nós"
UNHA MEMORIA HISTÓRICA FEMINISTA
Fronte a este supremacismo machista, ti sempre reivindicas unha memoria histórica feminista. Onde radica a importancia de aplicar unha perspectiva de xénero á memoria histórica?, Estamos faltas dunha xenealoxía feminista?
Si. Sen memoria histórica non somos nada. Se non sabemos de onde vimos, como imos saber cara a onde nos diriximos? Formulamos estratexias dentro do feminimo sen saber ben que fixeron as nosas antecesoras. E sobre todo, sen respectar a axenda feminista. Creo que hai un gran descoñecemento do que o feminismo reivindica de forma universal. Despois do documental de Rocío Carrasco moita xente dicíame que quería aprender e que quería ser feminista, pero cando pos enriba da mesa a axenda real, empezan a xerarse inconvenientes e incomodidades. Creo que se tivésemos unha memoria histórica feminista non permitiriamos, por exemplo, que houbese partidos facendo campaña a favor da regulación da prostitución cunha imaxe de Clara Campoamor, que era abolicionista.
Xa para rematar, Ana, vés de lanzar o teu último libro Las mujeres de Federico, onde precisamente fas memoria histórica feminista a través de mulleres emblemáticas da obra de Lorca. Como estás vivindo a chegada do traballo ás rúas?
Moi ben! De feito en 15 días sae xa a segunda edición. A sensación que teño é que conseguín o obxectivo co que fixen o libro: facer pedagoxía da historia das mulleres a través de protagonistas que son universais e que representan moitas mulleres da actualidade, porque están dominadas por dous sentimentos que seguimos arrastrando: o silencio e a culpa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.