O Celta paga as concesións

Os de Luis Enrique deron demasiadas facilidades no arrinque e encaixaron dous goles. Cando mellor xogaban, xa no segundo tempo, o Barça fixo o 3-0. Suma catro derrotas nos últimos cinco partidos. O sábado, co Sevilla en Balaídos.

Por gcdeportes | Vigo | 26/03/2014 | Actualizada ás 22:56

Comparte esta noticia

Ficha técnica
FC Barcelona:
Víctor Valdés (Pinto, 20'); Adriano, Bartra, Mascherano, Jordi Alba; Alex Song, Iniesta (Sergi Roberto, 46'), Alexis, Cesc, Neymar (Pedro, 71') e Messi.
Celta: Yoel; Hugo Mallo, Cabral (Íñigo López, 37'), Fontás (Borja Oubiña, 73'), Aurtenetxe, Jony; Madinda, Álex López, Augusto, Orellana (Bermejo, 63') e Santi Mina.
Goles: 1-0: Neymar (minuto 6). 2-0: Messi (minuto 29). 3-0: Neymar (minuto 66).
Árbitro: Ayza Gámez (valenciano). Cartóns amarelos a Adriano (minuto 19) e Jordi Alba (45+3) no FC Barcelona e a Augusto (75') e Hugo Mallo (83') no Celta.
Incidencias: partido da 30ª xornada da Liga BBVA no Camp Nou ante 67.162 espectadores. Minuto de silencio en memoria de Enric Ribelles, xogador do Barça entre 1955 e 1961. Valdés sofre unha rotura do ligamento cruzado do xeonllo dereito e terá que ser operado. Gustavo Cabral, unha escordadura de nocello.

Messi supera a Yoel no segundo gol.
Messi supera a Yoel no segundo gol. | Fonte: lfp.es

Non tivo opcións o Celta no Camp Nou. O Barça saiu enchufado e os celestes deron moitas facilidades coa defensa de cinco adiantada. Encaixaron o primeiro no minuto 6 e o segundo no 29, cando estaba con dez pola lesión de Cabral. Entremedias, outra lesión: o xeonllo de Valdés, que foi substituído polo ex-céltico Pinto. Melloraron os vigueses tralo descanso, pero cando mellor xogaban, Neymar pechou o partido co terceiro. Luis Enrique deixou no banco a Oubiña, Nolito e Charles. Con Krohn-Delhi sancionado, xogaron Madinda e Álex López, e Santi Mina en punta. 

Dende o principio, os de Luis Enrique sufriron as arremetidas do Barça, que buscaba con rapidez as costas da defensa celeste. Tras un gol anulado a Messi por fóra de xogo, Neymar marcou o 1-0 no minuto 5. O Celta perdía axiña a pelota e os do Tata Martino chegaban unha e outra vez. No 10, de novo Neymar foise ata a liña de fondo, pero Aurtenetxe despexou na área pequena. O dominio era absoluto. Luis Enrique trocou as posicións de Jony e Aurtenetxe, que sofría a rapidez dos atacantes culés. No 15, Messi tivo un man a man que solventou Yoel.

A primeira chegada do Celta foi unha falta por man de Adriano. O árbitro sinalou penalti, pero o xuíz de liña atinou cando a sacou fóra. Orellana lanzou a falta e parou Valdés, quen no salto mancouse e tivo que ceder a poprtaría a Pinto. Tentando frear unha contra culé, tamén se mancou Cabral, cunha escordadura de nocello. Con dez o Celta no campo, marcou Messi o segundo tras canear a Yoel e tras unha boa asistencia de Iniesta. O Barça baixou o ritmo co 2-0, tocaba e tocaba sen profundidade. O Celta estirouse un chisco pero apenas chegou á área rival.

A cousa mudou tralo tempo de lecer. O Celta adiantou liñas e tivo máis posesión de balón. E tivo a ocasión para meterse de novo no partido, pero Pinto cunha dobre parada no remate de Augusto na área pequena e no rexeite de Santi Mina evitouno. Cando máis pisaba campo rival o Celta, chegou o terceiro. Pase longo de Alexis para Neymar, quen ante a pasividade de Madinda e Fontás na súa defensa, fixo o 3-0.

Messi celebra o segundo gol.
Messi celebra o segundo gol. | Fonte: lfp.es

Tras unha ocasión de Alexis que desbaratou Jony a córner, as ocasións foron para o Celta. Un erro de Pinto no despexe que case aproveita Bermejo, un disparo tras xogada persoal de Jony e un remate coa testa de Bermejo que Pinto atallou sen problemas. Non chegou o gol da honra.
O Celta é 12º con 33 puntos, pero só gañou un dos últimos seis partidos, máis catro derrotas e un empate. O vindeiro sábado (18.00 horas) recibe o Sevilla en Balaídos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta