Como cho digo ;-)

O martes da semana pasada botou a andar a iniciativa a prol da visibilidade do galego "Como cho digo :-)".

Por Francisco Castro | Vigo | 02/04/2014

Comparte esta noticia
 A idea é chamar a atención sobre o estraño comportamento dos medios de comunicación galegos, que non só adoitan ignorar a lingua propia do país que os acolle senón que, ademais, insisten, en non poucas ocasións, en traducir ao castelán, as declaracións dos que en galego nos expresamos. En calquera outro lugar do mundo semellaría un comportamento dunha estraña excentricidade, mais en Galicia, infortunadame, é o costume habitual. 
 
Eu teño padecido isto en non poucas veces. Lembro un episodio moi en especial. Eu viña de publicar unha das miñas novelas e como ía presentarse en Vigo, varios xornais entraron en contacto comigo para entrevistarme. Un deles, non direi cal pero tampouco é moi difícil de adiviñar, publicou íntegra a entrevista...traducida ao castelán. Lembro o meu desgusto e o rebote monumental que pillei ao velo.  Recordo que provoquei un pequeno incendio nas redes sociais. E lembro que ese mesmo xornal me chamou unhas semanas despois para pedirme unha opinión, como escritor, arredor dun asunto que xa non lembro. Atendín á xornalista coa mellor das disposicións e, cando rematou de me preguntar, díxenlle que só aceptaba que reproducise as miñas verbas se saían en galego. Notei a súa comprensión, mais tamén a súa tristura ao me recoñecer que non podía asegurarmo. Insistín en deixarlle moi claro que se non saían as miñas palabras en galego que non autorizaba a súa reprodución. 
 
Ao día seguinte publicouse a reportaxe sen a miña parte. Todo en castelán. E eu desaparecín pola extravagante petición de pedirlle a un xornal galego que me publícase as miñas propias verbas tal e como eu as dixera.
 
Espero que campañas coma esta da que agora falamos axuden a que os medios de comunicación de Galicia nos respecten e traten, tamén lingüisticamente, como nos merecemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro