Rajoy di estar disposto a falar na comisión 'Kitchen' no Congreso, a diferenza de Cospedal

O expresidente prometeu contestar os deputados, pero xa adianta que non viu a Villarejo na súa "vida"

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 10/12/2021 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

O expresidente do Goberno e do PP Mariano Rajoy está citado este luns ante a comisión do Congreso que investiga a operación 'Kitchen' e acudirá, segundo avanzou el mesmo, disposto a contestar as preguntas que se lle formulen. Co seu testemuño porase o broche final ás comparecencias que arrincaron o pasado mes de marzo co testemuño do ex tesoureiro do partido Luís Bárcenas.

O expresidente do Goberno Mariano Rajoy
O expresidente do Goberno Mariano Rajoy | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Europa Press.

Tras o interrogatorio ao ex xefe do Executivo os comisionados empezarán a redactar as conclusións ás que chegasen tras un ano coa comisión aberta. Este informe terá que ser aprobado antes de que acabe 2021 polo órgano que preside a socialista Isaura Leal e, xa no primeiro período de sesións de 2022, elevarase ao Pleno para a súa ratificación.

Desde que empezaron as comparecencias en marzo, pasaron pola comisión case 40 persoas que, segundo os partidos, podían arroxar luz sobre ese asunto estivesen ou non directamente relacionadas coa suposta trama orquestrada desde o Ministerio do Interior para espiar a Bárcenas en busca de probas que puidesen implicar z dirixentes 'populares' en casos de corrupción.

VILLAREJO DI QUE RAJOY ESTABA "DETRÁS"

O pasado 20 de outubro, na súa segunda comparecencia ante a comisión, Villarejo afirmou que en marzo de 2014 mantivo unha reunión con Cospedal no seu despacho da sede de 'Génova', na que tamén estivo presente un avogado do partido e unha muller próxima ao presidente.

O obxectivo do encontro, dixo, era tratar a documentación sensible que estaría a disposición de Bárcenas. Villarejo dixo que, nun momento dado, Rajoy entrou no despacho pero non desvelou que foi o que dixo o presidente do Goberno. "Con Rajoy tiven un par de encontros. Non é o mesmo que estea a falar con Cospedal e baixe o presidente e me diga «que tal, a traballar», e marche. Non é unha reunión", comentou.

Ao seu xuízo, esa era a forma que Rajoy tiña para demostrar que el estaba "detrás" da operación e que podía confiar nos "emisarios" que a mandaba. Segundo a versión de Villarejo, no seu intercambio de SMS co presidente, este facíalle preguntas "concretas" por se había novidades relativas a Bárcenas, xa que non se fiaba da información que lle chegaba do Ministerio de Interior sobre a espionaxe ao ex tesoureiro.

O pasado venres, nunha entrevista a Onda Cero, Rajoy rebateu a Villarejo recalcando que non viu ao ex comisario na súa "vida", que tampouco coñeceu nunca a operación 'Kitchen' e que é "absolutamente falso" que tivese un teléfono para mensaxearse con el.

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castelló, concluíu o pasado mes de xullo, ao pechar a instrución, que non hai nada que permita soster que Villarejo tivese "comunicación directa" con Rajoy.

COSPEDAL NON QUIXO FALAR

Aquel auto, no que, ademais, o xuíz desimputaba a Cospedal e ao seu marido, Ignacio López del Hierro, foi recorrido, entre outros, pola Fiscalía e as acusacións que exercen o PSOE e Unidas Podemos, que insistiron en que hai que seguir investigando a Cospedal.

Pero eses recursos aínda non se resolveron e a iso agarrouse esta semana Cospedal para non responder as preguntas dos comisionados relativas á 'Kitchen'. Anticorrupción e os socialistas tamén reclamaron que siga investigando sobre o papel de Rajoy, pero o ex presidente deixou claro que, a diferenza da que foi a súa 'número dous' no PP, o si responderá os comisionados.

O PSOE sostén que a investigación debe continuar e mira a Rajoy e Cospedal, por ser, na súa opinión, quen puideron dar as ordes por ser os "principais beneficiarios" da presunta espionaxe ao ex tesoureiro para requisarlle probas contra dirixentes do partido e evitar que acabasen en mans dos tribunais.

Tamén apunta a unha "posible responsabilidade" de Rajoy a Fiscalía Anticorrupción, quen reprocha a García-Castelló que queira "delimitar artificialmente no ámbito do Ministerio de Interior" o caso da espionaxe a Bárcenas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O PSOE sostén que a investigación debe continuar... mentras no caso Carmela Silva e Cuñada a Fiscalía decidiu desimputar á Presidenta do PSdG e declarar prescrito o delito da súa Cuñada ! Está claro que todos non somos iguais ante a Xustiza ! Vergoña de país... Vigo é xa o Parque Temático de Abel & Carmela & Regades onde a cidadanía pasa a ser simple figurante dun inmenso Plató Subvencionado con Fondos Públicos !