Pontón pide a moratoria do eucalipto ata 2030: "Hai que evitar que Galicia sexa un eucaliptal en mans de Ence, Altri ou Navigator"

"Nin un só eucalipto máis nos nosos montes durante os próximos cinco anos, Galicia por diante das macrocelulosas contaminantes", sintetizou nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2025 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu a aplicación da moratoria do eucalipto como mínimo ata 2030, ao "igual que Portugal", para "evitar que Galicia se converta nun eucaliptal ao servizo de macrocelulosas contaminantes". "O Goberno do PP deixa que os intereses privados das macrocelulosas decidan que se planta, onde se planta e que se corta e cando se corta e, por iso, o control dos nosos montes está en mans de empresas como Ence ou as portuguesas Altri e Navigator" --GC publicou este luns unha nova ofensiva desta última empresa para facerse con fincas na zona atlántica galega--, denunciou para defender, a continuación, "un xiro de 180 graos" que permita "parar en seco" a eucaliptización de Galicia "antes de que sexa demasiado tarde".

"Nin un só eucalipto máis nos nosos montes durante os próximos cinco anos, Galicia por diante das macrocelulosas contaminantes", sintetizou nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, onde se reuniu con representantes da Fundación Arume para abordar as consecuencias da finalización da moratoria da plantación desta especie. O BNG propuxo a moratoria co obxectivo de preservar o territorio, contribuír a pór en valor a cadea forestal galega e terminar cun modelo, o do PP, que, segundo dixo, "xera graves desequilibrios" e deixa "moito que desexar" en termos de xeración de riqueza e creación de emprego.

Xunto a esta medida, que considerou "imprescindible" para frear a destrución do territorio, combater o cambio climático e evitar que os montes galegos sexan unha "polvoreira", a portavoz nacional sinalou algunhas outras propostas da súa formación, como "a recuperación gradual das terras agrarias ilegalmente forestadas, moitas delas con eucalipto". A líder do Bloque avogou tamén por desenvolver un monte funcional desde unha perspectiva ecolóxica, social e produtiva, con especies arbóreas autóctonas e madeiras de calidade.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con representantes da Fundación Arume
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con representantes da Fundación Arume | Fonte: BNG

Ademais, considerou necesario apostar pola ciencia e a innovación, tanto para xerar produtos de maior valor engadido, como para solucionar unha parte dos problemas de sanidade vexetal que sofre neste momento Galicia. Por último, propuxo pechar o ciclo produtivo da madeira, con segundas e terceiras transformacións e apostando por produtos de alto valor engadido que permitan que toda a riqueza forestal galega quede en Galicia, xere moito máis emprego e contribúa a fixar poboación. Medidas todas elas que teñen como obxectivo, resumiu, "que toda a produción de madeira sexa realmente un proxecto tractor" da economía galega.

"EUCALIPTIZACIÓN INCONTROLADA"

Fronte á "eucaliptización incontrolada" que, segundo denunciou, fomenta o Goberno do PP, Ana Pontón defendeu a urxencia de pór en marcha "cambios estruturais" como os propostos pola formación nacionalista.

"É clave pechar ciclos produtivos no país, non se trata simplemente de cortar madeira para facer pasta de celulosa, senón que hai que apostar por madeiras de calidade e pola aplicación da investigación para lograr produtos de maior valor engadido", incidiu. Neste sentido, lembrou que Galicia representa neste momento o 50 % de todas as curtas de madeira do Estado, mentres que tan só o 13 % da facturación e do emprego, datos que, recalcou, "indican que o Goberno do PP está a fallar á hora de facer unha xestión eficaz e eficiente do monte".

"A realidade é que hoxe quen decide a política forestal galega son Ence e dúas pasteiras portuguesas, Navigator e Altri", advertiu Pontón, quen lembrou que estas multinacionais desprazaron os seus intereses a Galicia despois da moratoria lusa do eucalipto en 2017 para garantirse que se proverían dos eucaliptos que xa non lles deixaban plantar en Portugal". Pontón denunciou que "a cifra real de eucalipto que ten Galicia hoxe en día case duplica á que estaba prevista para 2032" e avisou de que "Altri suporía máis eucaliptos" nos montes galegos. Por iso, avisou de que se está ante un "momento decisivo" no que hai que aplicar esta moratoria para condicionar a política forestal e conseguir que o monte sexa un elemento central de desenvolvemento sustentable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta