Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 11/05/2025 | Actualizada ás 22:00
A empresa portuguesa The Navigator Company, unha das maiores produtoras europeas de pasta de papel, comezou a mover ficha en Galicia --como xa fixera hai uns anos-- aproveitando a polémica que envolve á súa competencia directa, Altri. Segundo puido observar Galicia Confidencial, a compañía colocou anuncios en concellos da franxa atlántica anunciando que busca mercar ou alugar fincas con eucaliptos xa plantados. Esta estratexia chega tamén en pleno debate sobre o futuro das plantacións de eucalipto na comunidade, cunha moratoria aínda en vigor, un proxecto industrial na Ulloa rodeado de rexeitamento social e a crecente presión por unha transición forestal sustentable.
En concreto, o anuncio versa: 'Alquilamos y Compramos Terreno Forestal de Eucalito', cunha letra pequena na que se especifica que a superficie mínima de aluguer é de 3 hectáreas --o equivalente a uns 4 campos de fútbol e medio, con entre 700 e 1.200 árbores en cada unha--. Ademais, o texto vai acompañado dunha plantación de eucaliptos de fondo e da oferta de produtos da compañía ao carón, cos diversos tipos de papel que ten á venda no mercado. Tamén inclúe o enlace á súa páxina web na que se detalla que para arrendamento están interesados en terreos cunha superficie maior de 3 hectáreas (30.000 metros cadrados) útiles reforestais, con aptitude forestal, catalogados como forestais e legalmente reforestais con eucalipto segundo a lexislación actual --é dicir, coa moratoria en vigor--; e para compra piden terreos cunha superficie maior de 9 hectáreas (90.000 metros cadrados útiles reforestables), con aptitude forestal, catalogados como forestais, legalmente reforestables segundo a lexislación actual e con pendentes que non limiten a mecanización dos traballos.
QUEN É NAVIGATOR?
Seguramente o que máis soe a calquera persoa que escoite falar de Navigator é a súa liña de produción centrada na fabricación de follas de papel. Os 'packs' de folios para impresora pódense atopar practicamente en calquera espazo, cun oco dominante no mercado a día de hoxe. Pero esta empresa é moito máis. Con sede en Portugal, Navigator é líder internacional na produción de papel e pasta de celulosa a partir de eucalipto. A compañía conta con certificacións forestais como FSC --certificación co obxectivo de promover nos bosquer unha xestión forestal sustentable-- e PEFC --garantía de que o material forestal certificado procede de bosques xestionado de maneira sustentable--, pero xa ten sido obxecto de críticas por parte de organizacións ecoloxistas lusas debido aos impactos ambientais dos monocultivos de eucalipto, especialmente sobre a biodiversidade e os recursos hídricos do país. E, aínda que polo de agora en Galicia a empresa non anunciou ningún proxecto industrial concreto, si manifestou en reiteradas ocasións un crecente interese por asegurarse materia prima local, o cal esperta preguntas sobre a súa estratexia a medio prazo.
ENTRE ALTRI E A MORATORIA
O desembarco de Navigator prodúcese mentres outra empresa portuguesa, Altri, propón construír en Palas de Rei unha macrocelulosa que consumiría ata 1,2 millóns de toneladas de madeira ao ano. O proxecto segue xerando unha forte contestación social e numerosas dúbidas técnicas sobre a súa viabilidade ambiental. A diferenza de Altri, Navigator parece apostar, polo de agora, por unha presenza máis discreta, centrada no abastecemento madeireiro, non directamente coa instalación dunha planta. Ademais, tampouco hai que esquecer o contexto da moratoria do eucalipto que a Xunta mantén dende 2021. Esta normativa impide novas plantacións desta especie exótica en Galicia, aínda que non impide a compra ou aluguer de terreos que xa estean plantados. Navigator podería así estar aproveitando ese baleiro legal para ampliar a súa base de subministración sen infrinxir a normativa.
CANTO CUSTA UNHA FINCA CON EUCALIPTOS?
O valor dunha finca de eucaliptos en Galicia depende de varios factores: a idade das árbores, o acceso a pistas forestais, a pendente ou a proximidade a centros loxísticos, entre outros factores. En xeral, os prezos de compravenda oscilan entre os 2.000 e os 5.000 euros por hectárea, aínda que poden superar esa cifra en zonas ben comunicadas ou con masas adultas listas para cortar. En canto á venda de madeira a pé, o prezo ronda entre os 15 e 25 euros por tonelada, segundo o mercado. Cooperativas forestais, propietarios particulares e empresas xestoras confirman que hai un movemento crecente de empresas interesadas neste tipo de terreos, o que espertou tanto expectativas económicas como preocupación ambiental.
QUE GALICIA QUERE O MONTE E QUE MONTE QUERE GALICIA?
A nova ofensiva de Navigator en Galicia volve a poñer sobre a mesa o debate de fondo: o modelo forestal que se quere impulsar nunha comunidade onde o 30 % do territorio está ocupado por eucaliptais. Debe Galicia seguir sendo unha fonte barata de materia prima para a industria papeleira? Ou é o momento de apostar por un monte máis diverso, resiliente e compatible coa conservación? Mentres se agarda a que a Xunta defina se prorrogará ou non a moratoria do eucalipto, empresas como Navigator seguen avanzando, finca a finca, na súa estratexia de expansión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.