Por Claudia Varela Lourido | OURENSE | 19/08/2025 | Actualizada ás 22:14
A última semana foi para Galicia unha das máis duras dos últimos anos. Ducias de lumes reduciron a cinzas os montes e o traballo de moitos veciños da provincia de Ourense. Máis de 125.000 hectáreas calcinadas. A rabia e a indefensión recollen o pensamento da veciñanza que leva xa máis dunha semana vendo como se pisotea o seu modo de vida, o seu entorno e a súa casa.
Nestes días, pouco a pouco, foron emerxendo puntos comúns de solidariedade, artellados na súa maioría a través das redes sociais. Grupos, aplicacións e comunidades que permiten espallar a solidariedade e a colaboración que abraza a todo un pobo en tempos de carraxe e abatemento. O rural esquecido hoxe está en primeira liña grazas á unión incansable de milleiros de persoas que, telemática ou presencialmente, loitan contra o lume aportando os seus coñecementos.
A XESTIÓN DOS VOLUNTARIOS DOS INCENDIOS DE OURENSE
"Este grupo xurdiu da necesidade de colaborar e de botar unha man ante a situación actual e a desesperación de moitos cidadáns galegos", apunta ao Galicia Confidencial Antea Rodríguez, que forma parte da Comunicación de Voluntarios dos Incendios de Ourense. "Entre dúas persoas creamos un grupo de WhatsApp que empezou a facerse viral. A raíz diso, contactounos moita xente tanto dentro como fóra de Galicia para colaborar". Actualmente, destaca, están en contacto con Protección Civil, cos Concellos e cos voluntarios das brigadas para coordinarse con eles e cos medios oficiais, así como con diversas organizacións que os chamaron para colaborar.
De feito, desta colaboración naceu unha aplicación, incendiosentiemporeal.es, creada por Pedro, un informático de Madrid, que aporta a información necesaria sobre os lumes en todo o país, así como datos sobre a calidade do aire, os satélites ou os puntos de fume. Continúan traballando nesta páxina para implementar máis datos acerca da entrega de materiais, os puntos de recollida e outras necesidades como a organización de voluntarios, as clínicas veterinarias dispoñibles, etc.
"Somos poucas as persoas que aparecemos dunha maneira altruista, sen experiencia e case sen recursos, intentando xestionar toda a información e as demandas que van xurdindo". Afirma Antea que esta é unha das problemáticas máis grandes para xestionar os voluntarios.
Antea incide na necesidade de informarse e acudir aos puntos de protección para ver que se necesita e que se pode facer, xa que ao facelo de maneira desorganizada, pode haber necesidades que queden sen cubrir e outras que xa estean cubertas. O que máis se demanda: alfombras e paus para bater lume, medios de protección, loxística de aloxamento para voluntarios e asistencia para animais.
LOITA EN PRIMEIRA LIÑA: O TRABALLO DOS BRIGADISTAS
Nica Palomares é un deses voluntarios que, no momento no que o lume ameazaba con chegar ás naves dos veciños, non dubidou en usar os seus coñecementos de técnico forestal para aportar todo o que puido. "Organizámonos os veciños porque os medios eran escasos e non nos quedou máis remedio que autodefendernos". A noite do 14 ao 15 de agosto, os veciños de Cualedro defenderon o seu pobo ata que non puideron máis. "Botamos alí ata as 11 da mañá que conseguimos frear o lume".
Lembra Nica que os veciños empregaban medios moi rudimentarios. A maior parte deles usaban xestas e algún batelume. "Tiñamos moitas ganas, moito esforzo, pero moi poucos medios. Sentímonos desamparados". Agracedendo a axuda que chega de fóra, Nica avisa de que moitas veces hai demasiada xente, dificultando o traballo dos que xa se atopan alí. "Para min foi como ir á guerra con tiratacos". Non obstante, e pese a que o pobo estivo unido na adversidade, agora cómpre depurar responsabilidades e axudar de verdade á xente que quedou damnificada: "Hai xente que perdeu as súas casas, as súas granxas, os seus tractores e os seus vehículos, polo que considero que a administración ten que implicarse dunha maneira real, efectiva e rápida".
"A cidadanía xa traballou moito e leva moitos días sen durmir. Fixo un traballo que en realidade non lle correspondía, pero bueno, dada a situación, loxicamente había que implicarse. Ao final sempre somos os pobos os que nos salvamos, pero agora toca que as institucións fagan os seus labores", conclúe Nica, incidindo na necesidade de invertir en prevención, ademais de en extinción.
AS REDES SOCIAIS: UN MOTOR A DISTANCIA PARA LOITAR CONTRA O LUME
Nuria Grandío, a rapaza que se agocha detrás do perfil @konachadas, non dubidou un momento en poñer a disposición da xente o seu altofalante para poder xestionar da mellor maneira posible os servizos e puntos de recollida: "A iniciativa de organizarse xurdiu de xeito completamente natural. Eu dixen: que podo facer eu cos meus medios e cas miñas redes? Teño unha mínima visibilidade e un mínimo tempo para filtrar esta información e compartila".
Nestes momentos tan duros, Nuria dedícase a difundir de maneira contrastada a información que se comparte polas redes sociais. "Eu expoño a información via a miña rede social e logo a través de grupos de Whastapp moi diversos. Ademais, falar coas propias persoas que están nos centros de recollida en Ourense e os que están organizando en cada zona. Eu non organizo recollidas, só lles dou visibilidade ás que xa hai", apunta Nuria. Ademais, a través do seu perfil consegue dar a coñecer as distintas iniciativas que van xurdindo para poder xestionar este problema da mellor maneira posible.
"O que me moveu a implicarme neste momento tan duro foi a humanidade e a impotencia. Sobre todo a impotencia de ver que non se estaba facendo suficiente por parte das administracións e que estabamos absolutamente vendidas". A desinformación é para Nuria unha das grandes problemáticas na xestión dos lumes. "Hai demasiada información e moita desinformación e iso é do máis complicado", destaca Nuria en conversa co Galicia Confidencial.
Desde o seu perfil, que acumula máis de 15.000 seguidores en instagram, Nuria sempre se posiciona do lado da xente, disposta a colaborar cando sexa necesario: "Eu á xente diríalle que axuden como poidan, sexa doando material, difundindo en redes sociais ou aportando coñecementos sobre a zona. Pero, sobre todo, que non se esquezan disto e que cando pase o máis urxente, que protesten e que o teñan en conta á hora de votar".
Antea, Nuria e Nica coinciden na meirande parte do seu testemuño, pero se unha cousa teñen clara é que o máis importante é a difusión contrastada de información. Porque, se unha catástrofe coma esta xera suficiente caos, é vital manter unha vía organizada e contrastada de divulgación para a expansión das necesidades e circunstancias de cada zona. En tempos de abatemento, todavía fica unha certeza: a dignidade dun pobo sempre acenderá unha loita colectiva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.