Por Claudia Varela Lourido | OURENSE | 17/08/2025 | Actualizada ás 22:00
Os lumes que arrasan Galicia desde hai máis dunha semana levan xa calcinadas 59.313 hectáreas. Ourense é, con moita diferenza, a provincia máis afectada. O lume que ataca Chandrexa de Queixa, así como o de Vilariño de Conso, son xa os máis grandes da historia de Galicia, alcanzando as 17.500 hectáreas afectadas. O segundo en maior extensión é o incendio de Oímbra, que segue avanzando e afecta a 11.000 hectáreas.
"Os lumes evolucionaron e son moito máis virulentos do que eran antes, o monte está cheo de vexetación e as temperaturas altas afectan moito. É moi complicado extinguilos como se facía antes, con auga, que ademais é escasa", apunta Sergio Caxide, enfermeiro do Sergas e membro do Servizo de Protección Civil de Parada de Sil.
Estes son algúns dos lumes máis avanzados, pero existen moitas outras localidades ameazadas polas lapas. Agolada-O Sexo, Maceda, Oímbra-A Granxa, A Mezquita-A Esculqueira, Vilardevós-Vilar de Cervos, Vilardevós-Moialde, Vilardevós-Fumaces e A Trepa, Larouco-Seadur, Xinzo de Limia-Gudín, Carballeda de Avia-Vilar de Condes, Beade-As Regadas, San Cibrao das Viñas-Rante e moitos outros focos que todavía non están fóra de perigo.
A tónica xeral entre a veciñanza é de frustración e abatemento. Son xa moitos días sen descansar, loitando contra o lume e arriscando todo por salvar o seu fogar. "O ambiente está moi crispado, como é lóxico. Hai unha parte psicolóxica moi importante en todo isto", afirma Sergio Caxide.
FALTA DE EFECTIVOS EN MOITAS LOCALIDADES
En lugares como Verín, cercado completamente por varios lumes que arrasan os montes colindantes, a única axuda que reciben os veciños é a das persoas que se mobilizan desde outros lugares cercanos para brindarlles a súa axuda. Así relataba unha veciña da zona a situación que estaban a vivir este sábado: "En Ábades estamos moi preocupados porque se está achegando. En todas as frontes arredor de Verín están deixando arder o monte. Non hai efectivos nin hidroavións. Estamos vendo como arde e o único que hai son veciños con cortalumes, motobombas e sachos para facer gabias". O domingo comezaron a aparecer máis efectivos, camións cisterna, ambulancias, helicópteros e a UME, pero o lume segue avanzando sen control.
A falta de efectivos é palpable en tódolos lugares, non só en Verín, e tal e como afirma Sergio Caxide, "toda axuda é benvida". "Por moito que houbera un exército traballando, non se daría feito igual". Destaca Sergio que "o principal problema é a falta de prevención, pero sobre todo, as penas tan baixas para os incendiarios".
Nos grupos voluntarios que se foron creando para xestionar estas situacións hai moitas persoas dispostas a volcar os seus esforzos da mellor maneira posible, pero hai que ser conscientes do que pode implicar a difusión de información errónea ou sen contrastar. "Hai moitos bulos nos grupos. Isto fai que se mobilicen medios que igual non son necesarios no lugar onde se reclaman, pero onde estaban traballando si o eran". A información veraz en momentos de desconcerto é primordial. En moitas ocasións, os momentos de tensión, agotamento e impotencia poden fomentar tendencias a compartir información que non é correcta ou adecuada.
A QUEN CONTACTAR EN CASO DE EMERXENCIA?
Cómpre destacar a finalidade concreta dos números de teléfono habilitados para avisar das emerxencias relacionadas cos lumes:
Tamén hai habilitada unha páxina web chamada incendios.gal, na que se poden consultar os lumes activos e adxuntar fotos da situación concreta. Por outra banda, a Xunta de Galicia presenta unha serie de recomendacións para a poboación, entre as que destacan as seguintes:
"A AXUDA COORDINADA VALE MOITO, PERO A DESCOORDINADA ENTORPECE"
O fume encapota os ceos e as lapas tinguen os montes. Vivendas queimadas, pastos arrasados e vilas enteiras sumidas na incertidume. Un sentimento de rabia e impotencia medra entre a poboación e mentres, a través das redes sociais, comezan a organizarse grupos voluntarios de axuda e abastecemento. Entre os profesionais recomendan evitar fiarse de toda a información que se difunde nestes grupos e recurrir ás autoridades e á información verificada. "A nivel poboación, considero que estes grupos son perigosos, porque poden mover xente que non sabe a onde vai e hai moita probabilidade de que queden atrapadas no incendio", destaca Sergio Caxide.
Afirma que é fundamental que a información se difunda por unha vía oficial: "Se temos que evacuar, a xente do pobo sabe quen é do pobo, pero non saben os que viñeron de fóra. Por iso, ao contactar por vías oficiais, os que estamos traballando somos conscientes de que hai máis xente da que soe haber e podemos actuar ao respecto". Os grupos de Protección Civil teñen a capacidade de manexar estas situacións, que, en numerosas ocasións, son ben difíciles de xestionar a nivel psicolóxico. "Moita xente vese obrigada a deixar a casa onde naceu". Unha situación moi complicada para todo o mundo, pero especialmente para aqueles que, día tras día, ven como a súa casa, a súa terra e a súa memoria quedan soterradas baixo as cinzas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.