Segundo os últimos datos, Galicia conta con arredor de 2,7 millóns de habitantes, dos cales máis de 172.000 teñen nacionalidade estranxeira e unhas 335.000 persoas naceron fóra de España, o que representa preto do 12 % da poboación total. A isto hai que engadir as 8.459 persoas galegas que retornaron no ano 2023, dentro dun saldo migratorio positivo de máis de 25.000 persoas. Non se trata, polo tanto, dun fenómeno anecdótico nin marxinal, senón dunha transformación estrutural da sociedade e da clase traballadora galega.
O nacionalismo galego, historicamente centrado na defensa da lingua, da cultura e da identidade, non pode ignorar que a nación tamén se constrúe a partir da súa xente. E hoxe esa xente está composta, en boa medida, por traballadores e traballadoras que veñen doutras latitudes. Son eles quen sofren con máis intensidade a explotación capitalista: contratos precarios, salarios baixos, vivenda cara, desarraigo e, a miúdo, discriminación. É dicir, forman parte inseparábel da clase obreira galega, e precisamente son o sector máis vulnerable e explotado do sistema.
Resulta unha contradición que un movemento que se reclama popular e de esquerda non teña incorporado de maneira central a presenza destes novos suxeitos sociais. O traballador inmigrante non é un actor externo, é parte da columna vertebral da economía galega e, polo tanto, da loita de clases no noso país. Integrar as persoas migrantes e retornadas nas loitas sociais e políticas non é só unha cuestión de solidariedade nin de dereitos humanos, senón unha estratexia fundamental de clase. Se se lles nega representación política real, o baleiro será ocupado pola extrema dereita, que sempre busca dividir á clase traballadora para manter intacto o poder do capital.
O nacionalismo, se realmente quere ser movemento de liberación e non reliquia cultural, debe abrirse e incorporar a estas persoas como parte plena do suxeito político galego. A identidade nacional non é unha esencia pechada, senón unha comunidade viva en construción permanente. Os inmigrantes e retornados xa son pobo galego: traballan, pagan impostos, participan da vida social, teñen fillos que van á escola aquí. Negarlles un lugar político é negar a realidade mesma de Galiza.
Por iso, o futuro do nacionalismo galego pasa necesariamente por recoñecer no traballador inmigrante e no emigrante retornado aliados fundamentais na loita contra a explotación. Só desde un proxecto nacional inclusivo, de clase e con visión internacionalista, poderá construírse unha Galiza libre, xusta e solidaria.