Camiñar na ambigüedade

Se non fora porque o tema ten o seu aquel, podería ser semellante a ise chiste que, con certa frecuencia, fan algúns cando lle preguntan se soben ou baixan e se atopan no medio dunhas escaleiras. Mais o asunto ten moito máis alcance.

Por Manuel H. Iglesias | Compostela | 07/10/2025

Comparte esta noticia
Moito máis, pois trátase  da morte e o arrasamento  de vidas humanas. Polo que as declaracións xenéricas,  ou moi ambiguas, teñen moi pouca xustificación.  Polo que  parece que nestes tempos  quen pretende ser a guía da ética e moral neste mundo, non está, non se escoita cando tiña que erguer a voz. O asunto  atinxe a milleiros de persoas  que nos escandalizamos coas imaxes ferintes que saen nos medios de información,  polo que o silencio neste tema resulta  moi chamativo.  
 
Vivimos un tempo político e social onde o silencio fainos cómplices; onde manter a equidistancia e tanto como mirar de esguello ou non  querer  ver. Logo, cando nos toque a nós e queiramos sacudirnos porque nos mancan e nos machacan,  xa nos poremos  farrucos e o denunciaremos berrando ben alto. Un señor do meu pobo xa fenecido,  con moito saber e experiencia, díxome con contundencia: a maior parte das veces  esa institución relixiosa actúa como se fora un partido político. Ademais,   os seus membros  viven  atados a uns principios que lle impiden ver máis alá do do seu arredor. O asunto do que falo trátase de  humanos, non de  animais nin de extraterrestres. Trátase de familias,  de seres que son tratados como parias nun deserto sen auga e sen os mínimos medios pra existir e vivir  con certa dignidade.
 
Polo que  a condena ós que os obrigan a fuxir do seu espazo vital tiña que ser contundente e clara. Arredar da súa terra á xente, amparándose de cando en vez  en cuestións bíblicas  resulta repugnante. Estou convencido de que se estivera vivo o Papa Francisco a condena sen medias tintas sería espallada por todas as igrexas e recintos sacros; e dende os púlpitos diríase algo máis do que se di hoxe.  Mais o silencio é atronador e amosa complicidade por pasividade,  pois son xente doutro credo e sempre estiveron en liortas. Son persoas, din os invasores,   que ampararon o terrorismo. Son terroristas, afirman.  E eu pregunto:  todos son terroristas? O terrorismo pola matanza  que fixo Hamas todos o condenamos. 
 
E dende o Vaticano semella que teñen medo mancar a quen pretende ser o rei sen coroa do mundo. Sí,  a ese supremacista que mira ós demais por riba do ombreiro e que actúa e nutre de armas ós que bombardean sen piedade á xente indefensa.  Non, non é unha guerra. Non.  Non hai dous exércitos   loitando uns contra os outros. Trátase dun pais que quere expulsar ós gazatíes da súa terra. Trátase dun pais, Isarael que día si e día tamén soña co gran Israel e que os seus colonos expulsan ós palestinos da súa terra creando asentamentos co amparo do gobernos sionista.  Trátase de xente á que  lle rouban a terra e a  dignidade de  persoas.
 
Por iso, que o xefe da Igrexa católica non faga unha condena contundente contra  este exterminio, resulta demoledor. Polo que  moitos facémonos está pregunta: Que temos de mais valor que a propia vida humana? Navegar, camiñar  na ambigüidade, poñerse de perfil  resulta esclarecedor para os que vemos unha igrexa  pouco comprometida coa paz e que se cala diante semellantes atrocidades. Unha igrexa  que fai chamadas xenéricas: pola paz no mundo; pero que non condena con contundencia o xenocidio en Gaza. Xa sei que son doutras relixións...Pero son seres humanos. En fin, neste tempo, sen pretender ferir a ninguén, a Igrexa actual a moitos xa non nos  gusta,   pois diante barbaridades como as que vemos día tras día,   garda un silencio que a delata. Garda un silencio como se actuase de parte. De pena.
 

O cardeal Robert Prevost, Papa León XIV, o Papa número 267 da historia, comparece ante os seus fieis lle, no balcón da Basílica de San Pedro, a 8 de maio de 2025, na Cidade do Vaticano (O Vaticano). O fume da cuarta fumata do Conclave para. Stefano Spaziani - Europa Press
O cardeal Robert Prevost, Papa León XIV, o Papa número 267 da historia, comparece ante os seus fieis lle, no balcón da Basílica de San Pedro, a 8 de maio de 2025, na Cidade do Vaticano (O Vaticano). O fume da cuarta fumata do Conclave para. Stefano Spaziani - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com