Unha mirada horrorizada a Gaza

O que está a acontecer en Gaza non pode ser xustificado desde ningún punto de vista. Persoas civís desarmadas morren cada día a moreas por unha suposta acción antiterrorista que en realidade viola calquera código de conduta e a norma internacional nunha situación de conflito. Hoxe a sociedade é máis consciente diso, e pide solucións. Nesta columna conectamos este presente e algúns feitos pasados, tendo claro que ou se actúa xa ou... xa non fará falta.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 09/10/2025

Comparte esta noticia
Disque foron varios os ministros ou exministros do actual Goberno de Israel que manifestaron o plan que se está desenvolvendo en Gaza dunha forma meridiana: “o maior territorio posible, a menor poboación posible”. Isto, que en si xa é unha declaración clara dunha política de exterminio, foi corroborado persoalmente nada menos que polo seu Primeiro Ministro, nun lugar tan formal como a propia Asemblea de Nacións Unidas. Benjamin Netanyahu aseverou en tal foro a macabra idea de “hai que rematar o traballo”. Sen palabras... Pero... que máis hai detrás desta situación, hoxe en día terrible e fóra de calquera lóxica ou ética? Aí vamos...
 
Miren, a xa antiga historia de Israel e Palestina, ou mesmo de Israel e outros países, é certamente complexa, e afunde as súas raíces en todo o que pasou ese pobo moito antes e antes da Segunda Guerra Mundial, e tamén despois da mesma. O apoio expreso logo dalgunhas das potencias mundiais á creación e consolidación dese Estado, máis a grande capacidade de influencia política e económica dos xudeus nalgunhas desas democracias, e  de forma moi especial nos Estados Unidos de América, son ingredientes que aínda están nunha ecuación na que non é fácil encontrar unha solución sinxela. Pensen ademais que esta non é exactamente unha historia de “bos” e de “malos”, senón  que ten moitas máis facianas, coa tea de fondo do choque entre culturas no que tamén outros países xogan o rol de socios adiantados de Occidente, tal como poden ser Etiopía ou Marrocos nas súas respectivas zonas de acción. E eu, sendo sincero, non aposto totalmente por ningún dos modelos que en tales zoas se retan.  Podo identificarme máis con algúns dos elementos presentes na sociedade israelí de hoxe, por exemplo en canto ao respecto á diversidade, ou ao papel da muller, malia non poder aturar de ningunha maneira a súa política expansionista a costa das penurias de pobos asentados no territorio polo que ese Estado devece. En fin, como lles digo, é un tema de partida complicado, no que non todo é branco ou negro.
 
Tamén é certo que o actual estado das cousas foi buscado polas partes, e moi especialmente polo actual grupo de poder –ultradereita ortodoxa- en Israel. Ao fin e ao cabo, Hamás é un grupo terrorista identificado así por moitos dos actores internacionais, pero que no seu momento foi apoiado precisamente polo entorno do actual Goberno de Israel para reducir as posibilidades da Autoridade Nacional Palestina, moito máis moderada. Este tipo de cousas non é tan estraña coma poida parecer desde unha lóxica de construción da paz, e como saberán xa foron postas en práctica por outras potencias no seu claro apoio a grupos terroristas ou grupos moi contrarios aos dereitos humanos, co fin de derrocar a dirixentes que lles molestaban en determinados países ou mesmo para frear os plans expansionistas de potencias contrarias. Se, mirando ao mar, metemos no parágrafo anterior nomes como Rusia ou Afganistán, os talibán ou mesmo Al-Qaeda, poderiamos estar escribindo negro sobre branco algúns capítulos de Historia... E volvendo a Israel e Palestina, non hai tanto as cousas estaban moito mellor, con outra xente ao mando. Foron os tempos de Isaac Rabin ou Shimon Peres, por un lado, ou mesmo de Yasser Arafat, recordan? Os tres, como saberán, Premios Nobel da Paz polos seus esforzos nesa liña.
 
Con todo, o grupo terrorista Hamás controla Gaza desde hai un tempo, e é verdade que o día 7 de outubro de 2023 fixo unha incursión potente no territorio ocupado actualmente por Israel, producindo a morte de más de mil persoas e secuestrando a unhas duascentas cincuenta. Foi entón cando a tensión xa elevada na zona terminou de estoupar, cunha promesa por parte do actual Primeiro Ministro Israelí, que está tratando de cumprir por enriba de calquera outra cousa: un desmembramento total de Gaza, e seguramente tamén de Cisjordania (Judea e Samaria), coa suposta teima de iren polos terroristas, pero deixándose polo camiño a vida, sobre todo, de miles de nenos e persoas civís desarmadas. Ah, e de máis de duascentas cincuenta persoas da prensa, que as cousas feas non poden ser contadas...
 
Así as cousas, o mundo seguía ao seu, no seu limbo... Pero menos mal que algo mudou agora, de forma que está moito máis presente este xenocidio contemporáneo non só nos salóns do poder, senón sobre todo na rúa. Falaba eu hai uns días noutro medio da Teoría de Catástrofes de Thom no ámbito matemático da estabilidade e control en multitude de procesos, que pode explicar o salto brusco dunha variable discreta con só dous valores posibles a partir dun cambio suave e continuo noutras variables independentes que rexen o sistema. Pois penso que algo así aconteceu no sociolóxico, seguramente a partir do incremento da brutalidade do que nos chega, da contestación interna da sociedade israelí ou da opacidade informativa, pasando pola negativa israelí a acatar as sucesivas resolucións de Nacións Unidas e todo o que cheire minimamente a Dereito Internacional. Si, algo mudou agora, e ese é un pequeno fito que non pode ser desaproveitado, para que se avance definitivamente nunha solución a ese grave conflito que mata tanto e tan mal a xente coma vostede ou coma min e que aspira a ter unha vida normal, ou non? Xa non hai máis opcións... Ou iso, ou aplaudir as ideas “trumpistas” de continuar a política de terra queimada e acabar a tarefa do xenocidio  ou alternativamente poñer en práctica un presunto plan de paz no que só cre el e os seus acólitos... Ou iso ou a ocorrencia de construír nesa franxa costeira un “resort” de luxo fantástico. Algo que comezou como unha broma de mal gusto, por certo, pero para o que parece que agora xa hai plans máis que concretos, que producen terror e arcadas... 
 
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”
 

Embarcación na regata solidaria por Palestina na Illa de Arousa, a 30 de agosto de 2025.. GLOBAL MOVEMENT TO GAZA - GALIZA
Embarcación na regata solidaria por Palestina na Illa de Arousa, a 30 de agosto de 2025.. GLOBAL MOVEMENT TO GAZA - GALIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.